IV Xornadas ‘Memoria dun tempo’

As IV Xornadas “Memoria dun tempo”, celebradas os días 21, 22 e 23 de Agosto supuxeron, sen dúbida, a confirmación de que íamos polo bo camiño ao tratar o tema da memoria histórica dun xeito aberto, didáctico, dinámico e inclusivo, programando temas que buscaban o debate e maila participación do público fose cal fose a súa tendencia política.

10580080_339358232889682_8525848552017199302_n
Foto 1. Homenaxe na Ponte Vella ós fusilados e represaliados.

Tal camiño xa se foi abrindo dende a primeira e segunda edición, organizadas polo Colectivo “Memoria e Dignidade”. Na terceira, xa da man de Nordés, houbo temas que para unha parte da poboación do Concello de Mañón non eran “gratos”, os mesmos tratáronse sempre dende a erudición, o estudo e o interese en recuperar a Historia sen xenreira nin arelas vingativas. Ou o que é o mesmo, falar do que tanto tempo se calou, pero dando a oportunidade a todo o mundo de expresar a súa opinión.

Nesta ocasión tratáronse temas moi diversos, pois empezaron as xornadas falando dun asunto tan descoñecido para a poboación en xeral como é o da celebración do ‘1º Congreso Internacional da Paz en Ferrol‘, en plena I Guerra Mundial, e co obxectivo de rexeitala e amosala como o enfrontamento das burguesías imperialistas empregando ao pobo como carne de canón para os seus fins. O historiador Eliseo Fernández, un habitual das xornadas, foi o que nos ilustrou arredor deste asunto que interesou, e moito.

O seguinte día foi o turno do bercián Alejandro Rodríguez, quen disertou sobre a guerrilla no Noroeste da península e algunha das causas da súa desaparición contando para a conferencia co apoio do documental “A cidade da selva”, de Helena Villares e Pilar Faxil, e rematando co relato do episodio da fuxida no pesqueiro “Santa Teresa” de 16 guerrilleiros dende a praia da Abrela (O Vicedo) no decembro do 46.

10461361_339355229556649_6355208973233685061_n
Foto 2. Momento da charla de Alejandro Rodríguez.

Historia á que poderían acompañar outras moitas que pasaron nos concellos da nosa bisbarra, pois Ourol, Muras, Ortigueira, Mañón e O Vicedo son parte desa xeografía da loita dos “fuxidos” coa que mantemos un compromiso de recuperación dada a súa importancia e a súa pegada nunha tradición oral que doutro xeito perderíase. Podemos poñer uns exemplos, concello a concello, para demostralo:

– Ourol, onde naceron e actuaron os guerrilleiros Luis Trigo Chao, “O Gardarríos”, Benedicto Escourido Cobo, “O Lúa”, e Alejandro Temblás Paz. E onde morreron as “tres rosas” de Candedo.

– Muras. Onde ainda se lembran da morte de cinco guerrilleiros no ano 49.

– Ortigueira. Matria dos Neira, Amandino e José. De Mera de Arriba. Membros dunha das partidas máis famosas da contorna coñecida polo seu apelido, a Agrupación Neira.

– Mañón. Onde no pobo de O Barqueiro o episodio do axustizamento pola guerrilla no ano 47 do cura, Serafín Pumar Pita, é lugar común da memoria colectiva: “Por las hazañas cometidas en Narahío”.

– O Vicedo. Punto de partida da fuxida do “Santa Teresa” e concello no que no 2005 abreuse a foxa que contiña o resto dos fuxidos José Fernández Rolle “O Caramelo” e Emilio Ríos Martínez “O Cantador”, os dous veciños dese concello.

Sen afondar máis neste asunto, porque levaríanos moito tempo e liñas, seguimos falando das xornadas e da súa variedade temática, dando conta do que se proxectou para o sábado 23, materializado en tres actos de distinto contido. O primeiro, un roteiro didáctico polas escolas da emigración no Concello de Mañón (Casanova, Coca, etc), contando coas explicacións do experto cubano-galego Sixto Echemendía.

10557247_338746809617491_33212891137553333_n
Foto 3. Sixto Echemendía xunto con participantes das xornadas no Abeiro de Mañón.

O segundo, unha conferencia de Juan Carlos Salgado arredor das vicisitudes polas que pasaron os pesqueiros galegos (acordádesvos do Almirante José de Carranza?) ao longo das guerras do século XX (os contidos relacionados co mundo do mar son elemento básico do traballo de Nordés, como non podía ser doutra forma).

10374982_339358732889632_606240917651599863_n
Foto 4. Juan Carlos Salgado durante a charla celebrada no Salón de actos do Concello de Mañón.

E o terceiro foi o recital de Andrés Rodríguez “Cancións para un tempo de loita. 2ª parte”, torque de ouro para rematar o que foron unhas grandes xornadas. E o mellor é que tiveron e teñen continuidade.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close