Sinopse da actividade “Tesouros na Serra da Faladora”

20150131_130420

O sábado 31 de xaneiro foi frío. A estrada ata o centro social das Grañas do Sor apareceu nevada, mais en GranSor esperábanos unha boa acollida, con lume e todo.

O Camiño dos Arrieiros

O dicionario da Real Academia Galega define “arrieiro” como unha persoa que “transportaba ou arreaba mercancías duns lugares a outros en animais de carga”. Podemos atopar diferentes camiños denominados “dos arrieiros” ao longo de Galicia (de Ribadavia a Pontevedra), mais situémonos no mapa xeográfico.

Camiño dos ArrieirosLocalización do Camiño dos Arrieiros en Galicia e toda a súa extensión | Imaxe obtida de OTERO VILARIÑO,C. “Unha ruta en Ortegal: o Camiño dos Arrieiros” en Traballos de Arqueoloxía e Patrimonio, Santiago de Compostela, CSIC, 2003

Carlos Otero Vilariño é investigador do CSIC. Entre o ano 2000 e o 2001 formou parte do Proxecto Ortegalia, promovido pola Fundación Ortegalia, para a posta en valor dun itinerario cultural na zona de Ortigueira. Dentro dela, estudou un tramo duns 5 quilómetros do Camiño dos Arrieiros, concretamente o descrito na imaxe anterior con “Coriscada Norte”.

Carlos Otero Vilariño, Charla.Imaxe de Carlos Otero Vilariño durante a presentación do seu traballo

A súa charla levounos dende a diferenciación e a necesaria división entre un “itinerario cultural” e unha “ruta cultural” para entender a arbitrariedade do primeiro e a importancia histórica da segunda; pasando polo seu traballo para o recoñecemento do trazado do camiño, se o había; ata os criterios que se tiveron en contan para a valoración de tal.

A realización de traballos deste tipo leva a preguntarse e a fixarse unha comparación a través da cal poder sacar non só uns obxectivos senón tamén unhas certas conclusións. Por iso, Carlos Vilariño optou na súa explicación por un tema tan coñecido como o Camiño de Santiago, no seu itinerario denominado “primitivo”, para falarnos dos aspectos legais que rodean estas rutas. Hoxe en día, a propiedade privada confróntase co tránsito de camiños “públicos”, o que leva a pensar no necesario que son as solucións flexibles e beneficiosas para ámbalas partes.

Fornos dos MourosSocias,socios e participantes na actividade xunta Carlos Otero Vilariño sobre a mámoa de Fornos dos Mouros

A visita levounos ata a localización inicial de Forno dos Mouros. Aquela forma parte dun conxunto que sería denominado por Federico Maciñeira como “Campo de Mámoas da Cruz da Faladora”. Todas elas presentaban xa na época de Maciñeira cono de violación, é dicir, un buraco na parte superior das mámoas froito do espolio. Para saber máis delas, invitámosvos a consultar a obra de Federico Maciñeira  se facedes “clic” aquí. Este fixo unha catalogación exhaustiva das necrópoles do Ortegal durante a su vida, xunto con outros estudos sobre o Porto de Bares e o seu orixe, por exemplo.

A importancia destes túmulos para o Camiño dos Arrieiros é máxima posto que a súa visualización dende As Pontes (Sur) ata Bares (Norte) é óptima e única. É dicir, chegar andando á altura dun túmulo permítenos a visualización do seguinte soamente nunha dirección S-N, por tanto á lóxica deste camiño é a de transportar mercancías dende As Pontes a Bares e non viceversa. Un percorrido que, posiblemente, se podía facer nun só día. Mais Carlos Vilariño insiste en que as mámoas non son balizas que nos marquen o camiño, senón que forman parte da paisaxe e que obviamente están feitas para verse e incluso para marcar o territorio como unha propiedade.

Vista da trayectoria do CamiñoVista do camiño pola Coriscada Norte| Imaxe obtida de OTERO VILARIÑO,C. “Unha ruta en Ortegal: o Camiño dos Arrieiros”

A ruta usada recorrería o cumio da Serra da Faladora e da Coriscada ou, mais ben, un camiño inmediatamente máis baixo pola aba oeste da montaña, para resgardarse e transitar por unha zona menos pendente. Estes camiños serían os empregados polos animais  (bestas, xabarís) nun principio de forma natural, os cales permiten a visualización dalgúns tramos gracias a súa continua labor “restauradora”. Por este feito, Victoria E. Villoch lles chama “líneas naturais de tránsito”.  Os animais usarían o camiño antes que ningún poboador o fixese cos seus domesticados e de carga. Ademáis, debemos ter en conta que o camiño non era idóneo para o transporte en carros, por exemplo.

O trazado dunha vía implica un serio problema, un feito que relacionamos co carácter especial que o termo ten en si, xa que non deixa de ser un medio para un fin: no caso dos Arrieiros, facer chegar ao porto de Bares mercancías. Así, o paso dos anos e o seu abandono fixeron que os especialistas se atoparan con partes do camiño sepultadas ou inexistentes. Falamos dun traxecto empregado dende a prehistoria posiblemente (hipótese) e que emprega diferentes “camiños” según a estación do ano ou a orografía do solo, por iso tamén se atoparon grandes “zonas de paso”.  Debemos ter en conta que o fin último desta vía non era a comunicación inmediata entre poboacións, aínda que existan ramais que baixan ás aldeas, senón a extensa distancia total.

Unha ferramenta fundamental e que necesitaron usar para poder distinguir tanto os túmulos como os camiños en xeral é o voo americano (pulsar aquí). As fotografías realizadas no ano 1956 polos ianquis no seu recoñecemento dun territorio español principalmente agraria, permítennos decatarnos dos detalles que hoxe en día, coa masa forestal que inunda os nosos bosques, son imposibles de ver. Ademáis, non nos olvidemos que fai 60 anos non había parques eólicos e a súa construcción é un feito que marca un antes e un despois, como no caso do Camiños dos Arrieiros.

Podedes escoitar a intervención de Carlos Otero Vilariño aquí:

O noso convidado tamén nos levou cara atrás no tempo, revivindo un banquete castrexo. Mais iso é un tema que explicaremos outro día.

Museo Etnográfico de Meixido

O xantar tivo lugar en Casa Urbano onde nos preparamos para a actividade da tarde.

Meixido é unha aldea pertencente á parroquia de Freires en Ortigueira. Alí, fai 86 anos naceu Narciso Luaces e fai uns 16 o museo como consecuencia da gran inquietude e sensibilidade que o noso protagonista da tarde  tiña e ten para ensinar ao futuro o mundo dos nosos antepasados.

Narciso Luaces

Narciso Luaces ensinando un crebador de allos

Narciso Luaces é escritor e defensor da etnografía, feito que reflexa nos seus libros. Un exemplo é Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos, onde nos fala da vida cotián dos nosos antespasados a través da alimentación, da casa e do fogar e do seu traballo. Os diferentes traballos que os labregos levaban a cabo según o mes do ano, así como os oficios que existía témolos reflexados no Museo, punto en común duns 200 anos de vida.

Miles de pezas esperábannos clasificadas pola súa utilidade ou mera beleza, que non é pouco. Dende obxectos e mobles que hoxe en día se venden como se foran innovacións, pasando por utensilios que no presente se seguen utilizando acotío e ata pezas que pensabamos perdidas ou que nunca poderíamos ver enteiras. Un lugar máxico sen dúbida, uns obxectos que pode que nuns anos sexan únicos pola zona e un persoeiro autodidacta e cun afán de ensinar e mostrar calquera peculiaridade.

Non vos perdades o seguinte vídeo feito por unha socie e, de feito, non dubidedes en visitar o Museo cando poidades nos vindeiros meses. Eso si, baixo previa reserva.

A xornada demostrounos que non todos os tesouros se poden tocar, que as verbas tamén poden relucir. Tesouros vivos, din algúns.

————————

Para saber máis:

Indagar nas hipóteses e no traballo de Carlos Otero e do seu equipo, convidámosvos a consultar “Unha ruta en Ortegal: o Camiño dos Arrieiros” neste enlace: aquí.

Estudo de Victoria E. Villoch: “La configuración social del espacio entre las sociedades constructoras de túmulos en Galicia: estudios de emplazamiento tumular. Vol.1” aquí.

Dende NORDÉS agradecémoslle a súa colaboración na actividade “Tesouros na Serra da Faladora” a Carlos Otero Vilariño e a Narciso Luaces Pardo. 

Advertisements

Unha opinión sobre “Sinopse da actividade “Tesouros na Serra da Faladora”

  1. Gracias pola sinopse, é unha ventana aberta ós que non podemos asistir.
    É unha magoa que estes temas culturais estean tan politizados. O Camiño de Santiago hoxe en dia é parte dun interese politico-económica como é o turísmo fronte ó rigor histórico. Na miña opinión non se deben antepor intereses económicos, como no exemplo que da Otero Vilariño da Fonsagrada, ó rigor Historico. Comparar a ruta Xacobea co Camiño dos Arrieiros, (ou Camiño Antiguo tamén Camiño Real), na miña opinión non ven ó caso, se ven reponde a estes intereses.
    Pareceme tamén, que é importante suliñar as transformacións sufrida na serra da Faladora polos parques eólicos, (fronte a delimitacións tradicionais das economias labregas coma é a cria de gando), xa que estas instalacións supuxeron a destrucción de tramos que antes estaban perfectamente trazados, a apertura de ramales polo medio das mamoas e outros estropicios.
    Por último gustaríame apuntar, a orientación sur-norte dunha ruta plagada de túmulos funerarios pode supoñer unha busqueda de apertura cara ó mar dentro dunha cultura baseada na comprensión da natureza. Poderíamos supoñer unha intencionalidade espiritual ainda que Maciñeira tentou relacionar nos seus escritos a ruta co porto de Bares, se ven é presumiblemente anterior á existencia do comercio maritimo dos Tartesos ou os Fenicios.
    Un saudo e seguide adiante.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close