Xornadas forestais

XORNADAS FORESTAIS DEFINITIVIO 10.3

A data aproximada de chegada do eucalipto a Galicia é o 1850, cando se pensa que xa existía unha plantación na parroquia de Santa Marta de Ortigueira. A orixe das sementes é descoñecida pero desbota, por tanto, a teoría que  respaldaba que as primeiras foran enviadas dende Australia polo Frai Rosendo Salvado. A realidade é que o frai benedictino enviou sementes do xénero Eucalyptus pero dunha especie diferente á que xa se atopaba no territorio(1).

A chegada destas especies foi documentada tamén noutros lugares de Galicia  como  Pontevedra no 1865 e Ribeiras do Sor no ano 1867, introducido polos Maciñeira. Cara o 1880 plántase en Viveiro “o avó” na zona de Chavín, coñecido hoxe en día como o eucalipto máis alto de toda Europa. Neste lugar en concreto é posíbel que a plantación fora dedicada a drenar a zona que se atopaba entre o río e unha fábrica textil (2).

Vemos, entón, un manexo utilitario da introducción deste xénero en impedir futuras inundacións do terreo. Seica tamén puido ter o mero valor ornamental dunha árbore exótica. Unha realidade que une o devir do eucalipto cos pazos galegos, é dicir, coas familias máis ricas. O certo é que dende aquel momento ata a actualidade a súa historia vai decorrer cara o aproveitamento dunha árbore con propiedades curativas, a súa madeira para diferentes usos e a producción de celulosa, impulsada polas políticas franquistas de reforestación con coníferas.

A instalación de celulosas en Pontevedra e Navia nos anos 60 fixo que se producise un “boom” na plantación de eucalipto, que mesmo chegou a subvencionarse nos anos 90 (3). A rentabilidade económica foi o factor decisivo á hora de plantalos en leiras e prados que deixaron de usarse como tal por diversos motivos: migración da poboación cara a núcleos urbanos, baixa rentabilidade do mundo agrícola e gandeiro, a xubilación de productores, etc.

A plantación do xénero Eucalyptus en Galicia e España ten os seus defensores e os seus detractores. A polémica chega ata os nosos días e para demostralo non hai máis que leer os xornais (4) e ver iniciativas como “Stop eucalipto, avante carballo!” (5).

Xa Castelao no 1927 dicía que a paisaxe de Galicia estaba desnaturalizada, unha afirmación que hoxe en día semella máis que evidente na nosa zona. Por iso queremos convidar á xente de Ferrol, Eume, Ortegal e A Mariña ás “Xornadas forestais” de Nordés.

O sábado 18 de marzo, a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura do Vicedo contaremos cos seguintes expertos e profesionais para  que nos falen dos usos do monte e do seu aproveitamento máis aló do eucalipto:

Xosé Albeiros, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), presentará o proxecto “Cousa de Raíces“. Unha campaña que naceu no 2014 dende ADEGA e que conta coa participación de máis de 50 entidades pola defensa do bosque autóctono galego a través do seu coñecemento e posta en valor. Desta maneira a charla falará doutros aproveitamentos e das alternativas ao eucalipto, valorando tamén a lexislación vixente.

Logo dunha pausa, contaremos coa experiencia de Fran Domínguez, resineiro de Loiba, que se gaña a vida cun uso alternativo dos nosos bosques.

E para rematar, Sergio París, Enxeñeiro Técnico Forestal, falaranos dos usos do monte galego e dos servizos que pode prestar á cidadanía galega. Tamén do impacto do monocultivo de eucalipto no noso país.

Achegádevos ao mundo da silvicultura con Nordés!

______________________________

Bibliografía:
(1)Quian, A. “Así chegou o eucalipto a Galicia, arredor de 1850” En Galicia Confidencial, 5 de xaneiro de 2017:  http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/45106-chegou-eucalipto-galicia-arredor-1850
(2)(3)”El eucalipto y su conquista del Noroeste (1)” En  Galicia Agraria, 8 de outubro de 2011: http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2011/10/el-eucalipto-y-su-conquista-del.html
(4)Beramendi,M. “Medio Rural prohibirá plantar eucaliptos en zonas de Galicia” En La Voz de Galicia, 14 de xaneiro de 2017: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2017/01/14/medio-rural-prohibira-plantar-eucaliptos-zonas-galicia/0003_201701G14P35991.htm
(5) “Hai un fervedoiro de xente á espera de organizarse para dar unha resposta á eucaliptización” En Praza Pública, 15 de marzo de 2017: http://praza.gal/movementos-sociais/13840/hai-un-fervedoiro-de-xente-a-espera-de-organizarse-para-dar-unha-resposta-a-eucaliptizacion/
“Manifesto STOP EUCALIPTO… AVANTE CARBALLO!” En Grupo Naturalista Hábitat, decembro 2015: http://gnhabitat.blogspot.com.es/2016/02/manifesto-stop-eucalipto-avante-carballo.html

 

 

 

Advertisements