Encontros Mareiros

O PEIXORRO EN BARES: A PESCA DO TIBURÓN PEREGRINO.

Con esta actividade nacen os Encontros Mareiros de Nordés -continuación dos Cadernos do Mar- nos que iremos falando do mundo mariñeiro, das súas xentes, das peculiaridades das pesqueiras e outros aproveitamentos deste sector ó longo dos anos polas terras do Ortegal e A Mariña.

Para esta actividade eliximos o Museo do Mar do Barqueiro e a pesqueira do peixorro na Estaca de Bares a mediados do século pasado.

Comezamos a xornada ás 11:00 da mañá coa visita ó museo, ubicado no edificio que foi durante 30 anos o consistorio de Mañón. Esta iniciativa partiu do dono do inmoble, antigo profesor de enxeñería de acuicultura na Universidade Politécnica de Madrid, Daniel Beaz Paleo, veciño do Barqueiro.
Froito do seu esforzo, foi reunindo unha colección de pezas que hoxe pasa das 500. O traballo de recuperación, donacións e altruismo de Daniel fixo posible que na actualidade poidamos iniciar un percorrido polas distintas salas que alberga o museo nas que poderemos atopar diferentes aparellos que van dende a rapeta, os trasmallos, nasas, zarandas, trueiros, palangres e moitas outras artes de pesca hoxe en día en desuso. Así mesmo ollamos coleccións de: candís de carbono, bandeiras de sinais, conchas de bivalvos, pastecas, poteiras, anzois de todo tipo e tamaño, agullas de atalos aparellos, áncoras ou rizóns, ollos de boi… etc. Un apartado especial merece a nosa atención cunha exposición de fotografías que nos trasladan a tempos lonxanos e emotivos; embarcacións que xa hai moitos anos deixaron de surcar os mares e outras máis recentes, mariñeiros de onte e de hoxe, mariscadoras… e unha sentida lembranza á galerna do 61 con imaxes de barcos e xentes que protagonizaron aquel tráxico suceso que marcou para sempre o mundo do mar.
A visita foi unha mestura de sensacións, pois grazas ás explicacións de Daniel fixemos unha travesía mariñeira onde os sentimentos cambian como o tempo no mar; momentos de ledicia, de abraio, de tristura e por enriba de todo de fondo respecto a ese mundo tan duro que nesta xornada abordamos.

1
Foto 1. Daniel Beaz dando explicacións no seu Museo do Mar. (www.elprogreso.es)

Despois da vistita ó museo, tocaba ir xantar ó restaurante ‘A Muller Mariña’, no porto de Bares, e como non, este ía ser do máis mareiro e apostando como sempre polos produtos da nosa costa: ostras da ría do Barqueiro, mexilóns, croquetas de polbo e unha impresionante caldeirada de escachos.

2
Foto 2. Caldeirada de escachos servida para a ocasión no Restaurante ‘A Muller Mariña’.

Tralo xantar e para ir facendo boca para a charla, paseamos pola Praia da Concha de Bares ata a Igrexa Vella coa intención de ver os restos óseos deste xacemento de orixe romano que os recentes temporais derrubaron.

3
Foto 3. Paseo pola Praia da Concha (Bares).

Ás 6 da tarde era a hora da charla no mesmo restaurante “A Muller Mariña”. Para nos aprender todo sobre esta pesqueira do peixorro contamos coa presencia do experto en tiburóns e autor da web https://tiburonesengalicia.blogspot.com.es/, Toño Maño.
Da súa man, fomos intoducíndonos no tema, aprendendo sobre outras pesqueiras desta especie noutros puntos do mundo: Noruega, Irlanda, Canadá, Nova Zelanda… e tamén sobre os usos que tiñan as diferentes partes deste tiburón: carne salgada ou o comercio de aletas e fígados. Falounos da presión pesqueira que sufría a especie por parte dos países nórdicos principalmente, cun dato tremendo: entre 1946 e 1986, irlandeses, escoceses e noruegos acabaron cuns 77.000 peixorros, aproximadamente.

4
Foto 4. Momento da charla ofrecida por Toño Maño.

De seguido, Toño falábanos xa concretamente da pesqueira en Bares. Esta peculiar pesqueira do peixorro (tiburón peregrino) extendeuse dende comezos dos anos 40 ata os 60 do século pasado e foi a única deste tipo en España. Moito menos profesionalizada que nos países nórdicos xurdiu de forma esporádica por parte dun veciño de Bares (Plácido Méndez) que decidiu capturar un exemplar. Este serviu para abonar as hortas e o que ía quedar nunha anécdota rematou nunha pesqueira de máis de 20 anos a causa do interese dunha conserveira polo aceite que se extraía dos fígados do animal.

Por sorte, na charla contamos coa presenza de Plácido, fillo do pioneiro desta pesqueira, que aportou interesantes datos que Toño recibiu con gran interese, mesmo foi á casa para ensinarnos ese primeiro arpón feito por seu pai.

5
Foto 5. De esquerda a dereita: Toño Maño, Plácido Méndez e Daniel Beaz.

Se tedes interese por afondar nesta pesqueira en detalle, podedes entrar neste enlace onde Toño fala polo miúdo do tema.
https://tiburonesengalicia.blogspot.com.es/search?q=peixorro

Ata aquí esta primeira cita cos Encontros Mareiros que de seguro retomaremos o próximo ano con algún outro tema de interese.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close