Narciso Luaces Pardo

Narciso Luaces no interior do Museo Etnográfico de Meixido. Ano 2015, “Tesouros da Serra da Faladora”

Narciso Luaces Pardo partiu como unha figura emblemática, un referente, un tesouro da Faladora…

Para achegarnos á súa vida, compartimos este texto do profesor Bernardo Penabade, escrito para “O libro dos amigos” como homenaxe ao seu infatigable compromiso coa terra. Unha publicación coordinada polo profesor Emilio Castro Fustes no 2018 e editada pola Asociación Terras do Ortegal en colaboración coa SIR “La Devesana”.

Perfil biográfico

Fillo único dun matrimonio de labregos, Narciso Luaces Pardo naceu un día 2 de xullo do ano 1929 no lugar de Meixido, na parroquia de San Paio dos Freires -concello de Ortigueira-.

Como era habitual, durante a infancia combinou a asistencia á escola coa colaboración coa familia nos traballos domésticos e desde os quince anos dedicouse plenamente á agricultura. El mesmo nolo contou coas súas propias palabras de presentación para a Biblioteca Virtual Galega:

“De neno ía coa avoa ó lindeiro. Mentres as vacas pacían na campeira, ela contábame contos e cantábame cantigas que escoitara cando era nova a min facíame moita gracia oíla.Á escola deixaronme ir sempre, mais nos primeiros anos (eran os anos da Guerra Civil) o ensino era maliño, sóo tiven a sorte de ter un bo mestre nos últimos cursos. A este mestre e a un cursiño que fixen por correspondencia lles debo o pouco que sei”.

Centrado na súa profesión, desde antes dos vinte anos xa estivo involucrado activamente nas sociedades agrarias e foi continuador do compromiso en favor do ben común que xa mantivera seu pai.  En 1994 alcanzou a merecida xubilación como labrego e, con magnífico criterio, comezou a gozar desa nova etapa na vida. Aproveitou para ler sobre os seus temas preferidos (o ensaio histórico, as biografías, a etnografía e tamén a creación literaria, moi especialmente a vinculada ás terras do Ortegal) e, ao mesmo tempo, pasou a colaborar asiduamente no xornalismo local; en La Voz de Ortigueira e nas publicacións das diferentes asociacións comarcais.

En paralelo ás actividades de lectura, acopio de documentación e redacción de textos utilitarios solicitados como colaboración altruísta con comisións de festas ou entidades culturais, Narciso Luaces afrontou nun período de cinco anos os seus dou maiores desafíos: a escrita dunha novela (as Memorias do Tío Santos, Ed. Galaxia, 1999) e a reunión e restauración de obxectos materiais (ferramentas; mobeis; e outros obxectos domésticos) do que acabaría por ser o Museo Etnográfico de Meixido.

Narciso Luaces pertence á xeración dos nacidos entre 1925 e 1940, que se deron a coñecer intelectualmente no decenio comprendido entre 1950 e 1960. É, pois, contemporáneo da que en literatura se coñece como a xeración das Festas Minervais. É certo que non partillou cos seus coetáneos a asistencia a actividades culturais que teñan inspirado e motivado a súa obra e que non recibiu nin realizou emisión nos canais expresivos da época: non comezou como poeta publicando na “Illa Nova” de Galaxia, tampouco no xornal La Noche e non concorreu aos certames das Festas Minervais. Encanto os seus compañeiros de xeración -a maioría deles de clase social acomodada- estudaban nas universidades de Compostela ou de Madrid, Narciso estaba no Ortegal, unha área de silencio para o jazz, o rock e a banda deseñada, que tanto influíron na mocidade do seu tempo. 

O feito de que Narciso non comezase a publicar entre 1950 e 1960 non o exclúe do sistema literario. Unicamente indica que Narciso Luaces Pardo ten a condición de “verso solto” como a tivo Xosé Neira Vilas, con quen o unen tantas concomitancias. De Neira Vilas dicimos que ten a idade dos da primeira xeración da posguerra (os novos) e dicimos que ten un estilo que garda parecido co de algúns da preguerra (os vellos). Xusto por iso, non o metemos nin nun grupo nin no outro. A súa obra comentámola á parte, como facendo ponte entre as dúas etapas e as dúas estéticas. 

Outro tanto pasa no ámbito do ensaísmo con Isaac Alonso Estraviz (o autor do máis importante dos nosos dicionarios, hoxe aberto á consulta desde calquera casa, a través da Internet), que comezou a publicar dez anos máis tarde que os da súa xeración e a interactuar no panorama literario nos anos 80, no momento en que entramos os nacidos vinte anos antes. Estraviz estivo nun mosteiro de clausura, mais saíu fóra -exclaustrouse- e o seu poder creativo emerxeu; e Neira Vilas marchou a América e alí entrou en contacto co galeguismo de ultramar (agrupado arredor de Castelao) e a súa obra emerxeu; e Narciso Narciso Luaces permaneceu na comarca e a sua obra de creación artística mantívose en estado latente.Dese estado latente emerxeu xusto aos 70 anos cando se deron as circunstancias, xa xubilado, cando tivo tempo para dedicarlle e cando tivo contexto. Pasoulle como a Marica Campo, a quen tampouco se lle deron as circunstancias favorábeis en 1970 e entrou no panorama literario nos 90 –vinte anos máis tarde- e  a súa obra é hoxe coñecida e recoñecida.

A obra

Narciso Luaces falando coas profesoras do CEIP López Estrada durante unha actividade de colaboración, dentro do proxecto de Voz Natura. Ano 2018. Fonte: Nordés.

Tras seleccionar fouciños, sachos, goivas, trades e moitos outros tarecos da súa facenda; e tras restauralos para cumpriren unha nova función, Narciso Luaces iniciou a peregrinaxe pola parroquia, polo concello e pola comarca á procura de máis e máis bens culturais. Así foi a xénese do Museo Etnográfico de Meixido que abriu as súas portas na xornada memorábel do 11 de agosto de 1.999.

Aínda que non era público, nesa altura xa estaba en marcha o proceso de edición do primeiro libro de Narciso, dirixido por Frank Meyer Mann e Carlos Casares. Deste xeito, un filólogo e economista nacido na fronteira entre a Lorena e o Sarre alemán, educado en Tréveris, fixo cultura activa en colaboración cun agricultor das terras do Ortegal de formación autodidacta. Era o último ano do século XX e ambos estaban plenamente situados na interculturalidade do século XXI. 

O día 20 de abril do ano 2000 chegou o libro e o Teatro da Beneficiencia albergou unha xornada de abarrote por parte de persoas que chegaron de toda a comarca e que levaron máis dun centenar de exemplares, moitos deles xa personalizados coa caligrafía inconfundíbel do autor.

Narciso Luaces e a súa familia convertéranse en axentes de difusión da cultura desde Meixido e o noso escritor pasaba a ser tamén embaixador encargado da proxección para o exterior.  Unha vez que o libro foi presentado en Viveiro, nas Pontes, en Cariño e en Ferrol, o eco dos eventos chegou á Universidade da Coruña e Narciso recibiu o convite para que el e a súa obra entrasen na Biblioteca Virtual Galega.

Mentres reeditaba a novela, Narciso escribiu un novo texto, deixouno madurar e en 2003 mandou á Universidade da Coruña o relato curto feito por encarga titulado Romaxe a Santo André de Teixido, unha síntese de dúas peregrinaxes: a dun neno adolescente, en 1940; e a dun matrimonio de avós que viaxan coas súas netas, nun momento indeterminado do comezo do século XXI. Prosa intensa, que sintetiza unha novela.

A través das palabras do noso veciño, viaxamos de Devesos a Freires, de Freires a Cuíña e de Cuíña á Vila. Na Vila dirixímonos ao porto, xusto frente a onde estaba o Hospital de Peregrinos –e hoxe están a Casa de Foxo e o Bar Caracas, tamén museo- e embarcamos cara a Fornelos, en Leixa. De alí a San Adrián, onde visualizamos a antiga casa do Concello co seu reloxo de sol e o flamante centro escolar levantado pola comunidade indiana. Subimos polo Socorro Vello e o Campo da Armada para facer parada na Garita de Herbeira antes de encarar na dirección do milladoiro de Teixidelo, última referencia para chegarmos á meta.

Despois na meta veñen outras vivencias: a entrada no santuario, a fonte dos tres canos, a noite dos romeiros en Teixido -con festa incluída-, o ritual da mañá… e o retorno, coa aprendizaxe feita.

Novas contribucións á cultura. A colaboración interxeneracional.

Despois de levantar un museo e de abrilo ao público; de escribir un libro e de o ver publicado; e de ver recoñecida a súa obra acolléndoa na Biblioteca Virtual Galega, Narciso Luaces e Herminia Covelo nos meses de outubro e novembro de 2004 colaboran nunha gravación cinematográfica como actores. Foi na coprodución entre a asociación Anovar e a Fundación Federico Maciñeira, que fixeron unha longa curtametraxe sobre o “Encontro singular” de Lino Novás Calvo coa súa terra de orixe. Narciso e Herminia fixeron todo  o que puideron como tamén o fixeron Ernesto Vale, Alfonso Cheda, Andrés Santalla e o lugués Manolo López, que -como mínimo- fixo de director, de coprodutor e de técnico de montaxe.

Un pouco máis adiante, en abril de 2006, Herminia e o seu marido viaxan por vez primeira a Ávila para participaren no Congreso de Etnoarqueloxía dos Celtas en Hispania. O título do relatorio é “Mitos e tradicións populares de Galicia: a orixe do carro celta”.

En setembro de 2008, por iniciativa de Antonio Reigosa -o coordinador da enciclopedia dixital Galicia Encantada e actual Cronista Oficial de Mondoñedo-, o noso escritor é entrevistado na Radio Galega pola prestixiosa xornalista Cristina Lombao, co apoio do propio Reigosa. Son trece minutos antolóxicos para escoitar nunha clase, nun curso ou en calquera xornada de cultura popular. Un modelo de riqueza na fonética, na entoación, no léxico, na fraseoloxía…e, evidentemente, nos contidos; no saber popular.

En maio de 2011, cinco anos despois da primeira vez, o matrimonio Luaces Covelo viaxa de novo a Ávila, desta vez para participaren no V Congreso de Estudos Celtas España-Portugal.

Un ano máis tarde, en 2012, Narciso Luaces participa noutro encontro de carácter científico-didáctico. Mais desta vez trátase dun foro especial, que ten para el o maior valor sentimental: o VI Encontro de debate sobre o medio rural: as escolas de emigrantes. No centenario da inauguración da Escola Laica “A Devesana”. “Vivencias dunha escola” era o título da súa intervención, que terá escoitado desde o Alén con moito orgullo seu pai, o mestre Xosé Antonio Luaces.

Nese foro, organizado por Nova Escola Galega, Narcisco coincide con Emilio Castro Fustes, na altura o director do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Emilio Castro, fillo doutro Emilio Castro, neto do Tío Santos, participa activamente nun evento que propugna un novo modelo pedagóxico; entre os relatores está o veciño autodidacta que escribiu un libro sobre o seu propio avó; e o acto celébrase nunha escola levantada polos seus comúns devanceiros hai un século. Unha fermosa reviravolta da vida.

En xullo de 2013 uníronse o coñecemento e a sensibilidade e chegou o primeiro recoñecemento público para este labor inxente e constante feito por Narciso e Herminia. Foi o premio á Colaboración Necesaria coa Cultura pola creación e o mantemento do Museo Etnográfico de Meixido, outorgado pola entidade Pazos de Galicia en colaboración con Biblos, Clube de Lectura.

Un ano máis tarde, no final de 2014, a comarca -a través de Ortigueira Literaria Dixital- anunciou a programación dun ciclo de eventos para tributar homenaxe ao noso referente literario, etnográfico e de dignificación cultural. Foi o punto de partida dun proceso en que tamén se encadra esta obra que agora publicamos.

Imaxe da capa do libro, en homenaxe a Narciso Luaces, editado pola Asociación Terras do Ortegal en colaboración coa SIR “La Devesana” . Fonte: Blog Asoc. “Terras do Ortegal”
Índice de contidos d’ “O libro dos amigos”, coordinado polo profesor Emilio Castro Fustes

Dende Nordés manifestamos o noso pesar e agardamos un futuro digno para a súa labor e a de Herminia.

Narciso Luaces no centro da imaxe. Fotografía do ano 2015, posterior ao acto de Ortigueira Literaria Dixital. Á súa esquerda Martín Caínzos, actual presidente de Nordés, con Bernardo Penabade, filólogo, mestre e nordesteiro, xunta Leticia Breijo, nordesteira.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close