O crecemento das propostas de recuperación da memoria histórica a través da Banda Deseñada é un fenómeno ao que Nordés, asociación que ven organizando dende hai 11 anos as Xornadas “Memoria dun Tempo”, non pode ser alleo. Para nós, este fenómeno vén a contribuir co seu propio léxico gráfico e escrito a darlle nova vida a tantas e tantas historias, feitos e personaxes que doutro xeito caerían no esquecemento. Como ben fixo o artista que nos cedeu as ilustracións coas que compuxemos este cartel, Pablo Prado, en Os berros da motocicleta, onde atopamos a Kiko da Silva como guionista. Nesta obra nárrase a vida de Josefina Arruti logo da Guerra Civil, por exemplo.
É por iso que Nordés, a asociación polo Desenvolvemento das Terras da Faladora, crea este Primeiro Certame de Banda Deseñada e Memoria Histórica, coa colaboración de Demo Editorial, seguindo as BASES que podedes atopar a continuación:
Quen pode participar?
Poderán participar todas as persoas estudantes do Ensino Secundario Obligatorio (E.S.O.), Bacharelato, FP Básica e Graos Medios de FP que presenten narracións en banda deseñada escritas en lingua galega e con temática relacionada coa memoria histórica.
Que entendemos por Memoria Histórica?
Dentro do contexto das Xornadas “Memoria dun tempo” cando empregamos o termo “Memoria Histórica” faise referencia non só a feitos, persoas, sindicatos, asociacións, colectividades, partidos políticos, etc, que desenvolveron a súa actividade na II República, viviron e/ou sufriron o Golpe de 1936, a posterior Guerra Civil e posguerra dende distintas perspectivas (sociais, económicas, políticas, culturais), senón tamén a Memoria das Mulleres do século XX, e todo o que poidera ter unha certa relevancia dende un punto de vista histórico no desenvolvemento e vida sociopolítica, cultural e económica de Galiza en xeral, ou das localidades ou bisbarras de cada unha das participantes en particular, nese mesmo século.
Datas importantes
- Ata o 15 de xuño de 2022 para PRESENTAR A SOLICITUDE DE INSCRICIÓN.
- Ata o 5 de agosto de 2022 para ENVIAR AS PROPOSTAS.
Se precisades máis información, podedes poñervos en contacto en:
asociacion.nordes@gmail.com
Animádevos a participar! Agradecemos a colaboración e o apoio a Demo Editorial.