ACTIVIDADE DE COLABORACIÓN CO C.E.I.P. FRANCISCO LÓPEZ ESTRADA NO PROXECTO VOZ NATURA.

O proxecto Voz Natura é un programa de educación medioambiental da Voz de Galicia que busca concienciar e implicar á comunidade escolar de Galicia na recuperación e defensa da natureza. Dende o ano 1997 levan desenvolvido máis de 4000 proxectos coa participación de máis de 700.000 estudantes e 33.000 profesores.
O colexio Francisco Lopez Estrada leva xa varios anos participando neste proxecto e para este ano 2018 levan adiante varias iniciativas para dar a coñecer a biodiversidade e patrimonio do Río Sor.
Sentímonos moi agradecidos pola oportunidade que nos dan á asociación Nordés de colaborar en dito proxecto e preparamos unha xornada que constou de dúas partes diferenciadas.

O xoves 5 de abril do 2018 saímos ás dez da mañá camiño da Serra da Coriscada, onde nos agardaba Eva Castro, arqueóloga e técnica en centros de interpretación e museos do Concello de Ortigueira. Alí, dende o Forno dos Mouros, puidemos ollar as espectaculares vistas que nos ofrece ese marco natural.
Grazas aos seus coñecementos os rapaces, e tamén os adultos, aprendimos a diferenciar as mámoas. Do mesmo xeito, Eva ilustrounos sobre os enterramentos que se facían en épocas tan lonxanas coma o Neolítico, o seu valor simbólico, como se facían, e as curiosidades que rodeaban o mundo do alén.

Mouros1
Logo dun pequeno descanso para repoñer folgos, achegámonos a un tramo do Camiño dos Arrieiros, esa antiga ruta que ten máis de 5000 anos e que transcorre dende As Pontes ata Estaca de Bares. Soubemos dos diferentes usos que ese camiño tivo ao longo de tan extensa cronoloxía como o tráfico de mercadurías ou vía de comunicación entre as terras de ao pé do mar ata as alturas dos montes da Serra da Faladora, camiño que vai marcado polas case 100 mámoas catalogadas polo prestixioso arqueólogo do século pasado, Federico Maciñeira.

Arrieiros.jpg
Xa pola tarde, apois dun bo xantar tivemos a oportunidade de desfrutar da visita ao Museo Etnográfico de Meixido.
O seu creador, Narciso Luaces, fixo as delicias da rapazada ensinándolles tódalas maravillas que ese museo garda grazas ao incansable traballo de formiga que Narciso leva facendo ao longo de moitos anos.
Ver as caras de abraio dos nenos cando el lles daba explicacións sobre os usos das diferentes ferramentas, hoxe esquencidas por todos, foi unha experiencia entrañable ao tempo que enriquecedora.

Meixido.jpg
Foi sen dúbida unha xornada chea de satisfaccións, vai dende aquí o noso agradecemento ao profesorado do colexio Francisco López Estrada por ofrecernos a posibilidade de participar neste proxecto. Grazas a Vanesa Trevín e Eva Castro por acudir á nosa chamada para transmitir os seus coñecementos sobre o campo de mámoas da Coriscada e o Camiño dos Arrieiros, tamén o noso agradecemento a Narciso Luaces por abrirnos as portas do seu museo e deleitarnos con toda a sabiduria que comparteu con nós.
E finalmente agradecerlle aos alumnos e alumnas do colexio cos que disfrutamos dunha xornada que quedará na lembranza de todos e todas.

Advertisements

Alternativas de emprego no rural

 

ALTERNATIVAS EMPREGO RURAL FB DEF. 11.30 DEF. MÉRCORES

O problema demográfico de Galicia é hoxe de maior gravidade incluso que nos países da contorna, manifestado en perda de poboación, baixa natalidade e alto avellentamento, fortes niveis de dependencia, forte polaridade xeográfica rural-urbana, e devalo demográfico e socioeconómico do rural.”

Con estas palabras comeza un traballo de Xosé Martínez e David Peón publicado no ano 2015 na Revista Galega de Economía, e que leva por título “PATRÓNS DE DESPOBOAMENTO DO RURAL GALEGO: UNHA ANÁLISE POR COMARCAS”, e aìnda que ese traballo e as súas conclusiós non son o obxecto principal da xornada que Nordés, a asociación de desevolvemento das Terras da Faladora, organiza para o sábado 24 de marzo en Espasante (Ortigueira), sí nos da pé para introducirnos no que é un grave problema: as consecuencias no emprego no sector primario do despoboamento e alto avellentamento que estase a dar nos nosos concellos, para o caso e polo que nos toca, O Vicedo, Ourol, Muras, Mañón e Ortigueira, así como nas zonas rurais de Viveiro e As Pontes.

Esa perda de poboación, ao igual que a edade avanzada dos que viven no rural, está levando ao abandono das terras de labranza, explotaciós gandeiras e á implantación no forestal do monocultivo do eucalipto, tanto polo sinxelo da súa produción coma polo seu rendemento económico. Isto claramente supón a perda de postos de traballo, a redución da produción a niveis de autosuficiencia, e que sexa cada vez máis difícil tecer redes comerciais no rural polo descoñecemento dos consumidores, e a falta de medios ou tempo dos produtores.

Unha vez exposto moi resumidamente o problema, pero deixando ben claro a gravidade do mesmo, hai que dicir tamén que non todo é negativo, que non todo é emigración, desemprego e resignación. Que hai xente que quere vivir no rural. Que hai xente que leva anos loitando por sacar adiante as súas explotaciós con moito esforzo e ilusión. E que hai outra que ten ideas e ganas de traballar, pero que necesita de axudas, consellos, formación, terras, e o que sexa preciso para intentar non ter que coller a maleta e deixar o berce primixenio ou adoptivo.

Con esta idea Nordés, coas achegas de Mar de Mares, Economato Macabeo e Cuarzos Industriales, propón esta xuntanza baixo o nome de “Alternativas de Emprego no Rural”. E para iso convidou a representantes dos sectores gandeiro, forestal, agrícola e comercial, así coma da Administración, para que, a través da exposición das súas experiencias e o debate arredor delas, as persoas que teñen intención de traballar no sector primario, aquelas que xa o están facendo, e o público en xeral, aproveiten o intercambio de ideas e opiniós e, por qué non, planten a semente de novas propostas que xermolen na reactivación dos nosos campos e granxas, e logren deter a desaparición do rural, tanto grazas ao seu traballo coma ó compromiso necesario dos consumidores polos produtos da zona onde viven.

O programa para mañá:

IMG-20180319-WA0016IMG-20180319-WA0015

Toponimia do Concello do Vicedo

Concello vicedo toponimia 5

O ano pasado, nestas datas, Nordés organizou unha charla chamada “A toponimia do Nordés” cunha moi boa acollida –ver aquí. Naqueles días dábamos razóns polas cales achegarse ata unha charla deste tipo- ver aquí. Hoxe podémosvos deixar unha imaxe que mostre o que foi aquel día:

16716121_749675231857978_420887838713711804_o

Asistentes á charla de Xosé L. González sobre a toponimia do Nordés. Febreiro 2017.

Dende a Illa da Coelleira ata a parroquia de Cabanas, dende Suegos ata San Miguel de Negradas moitos son os topónimos que acolle o concello do Vicedo: A Tarroeira, A Capariña, O Fontao ou As Alpuxarras, son algúns dos exemplos.

Se aínda imos máis aló destes nomes ligados á poboación, atoparemos microtopónimos como “As Abelleiras”, nas Negradas, que se refire a un lugar onde hai colocadas colmeas ou “A Mangoeira”. Este último e o nome dun illote na parroquia de Suegos, relacionado, posíbelmente coa forma da “mangueira”, unha parte do instrumento co que se realizaba a malla do cereal.

 

Hoxe, a microtoponimia afastase do uso cotiá e perdese na memoria a causa da despoboación do rural e do éxodo á cidade. Para loitar contra esta pingueira, Xosé Luis González, natural das Negradas, creou unha serie de bitácoras on-line (blogs) que buscan conservar e explicar a orixe destos nomes de camiños, partes dunha aldea, montes, parroquias ou regos (e máis) dos concellos da Mariña e do Ortegal.

Por iso, Nordés convídavos a achegarvos á Casa da Cultura do Vicedo, o sábado 24 de febreiro, ás 18:00h. para coñecer a orixe da toponimia e da microtoponimia do Concello que este veciño foi recuperando ao longo dos anos no seguinte blog: http://toponimiavicedo.blogspot.com.es.

Xa sabedes! Se tedes interés en coñecer as orixes dos diferentes lugares do Concello ou os motivos polos cales se chama así aquel camiño preto da vosa casa, achegádevos! E se coñecedes algún microtopónimo que Xosé Luis González non recollese na súa bitácora, vinde a comentalo con todas e aportar unha area ao reloxo do tempo.

Encontros mareiros

ENCONTROS MAREIROS 27 XANEIRO

Este sábado 27, temos una cita onde o protagonista é o mundo do mar. “Encontros mareiros” busca potenciar características e sucesos propios da nosa zona, como o recén inaugurado “Museo do Mar, Ria do Barqueiro”, de iniciativa privada, e a pesca do peixorro (tiburón peregrino) na parroquia de Bares entre os anos 40 e 50 do s. XX.

Deste xeito, ofrecemos 25 prazas para realizar unha visita guiada e de balde no “Museo do Mar, Ría do Barqueiro” dende as 11:00h. ata as 13:30h. Como din na súa páxina web (aquí), o obxectivo é “mostrar pezas relacionadas coa Ría do Barqueiro e co mar galego” e manter viva a memoria das xentes do mar. É preciso anotarse antes.

Cara as 14:30h. temos previsto un xantar na “Muller Mariña” no Porto de Bares para 20 persoas que constará de: dúas ostras da Ría do Barqueiro (unha á vinagreta e outra á “muller mariña”), mexillóns ao vapor, croquetas de polbo, caldeirada de escachos, sobremesa, viño e cafés. O seu prezo é de 16€ para socias e socios e 19€ para non socias e socios.

Logo da sobremesa, cara as 18:00h. e tamén na “Muller Mariña”, aberto para todo o mundo, teremos unha charla sobre a pesca do peixorro (tiburón peregrino) en Bares e tamén noutros lugares similares de Noruega e Irlanda. Ata Bares achegarase Toño Maño, profesor e autor da bitácora on-line “Tiburones en Galicia”, ao que podedes acceder premendo aquí. O tiburón peregrino achegouse ata Bares duranta 20 anos, por tempadas, durante o inverno e comezos da primavera (1). Existen diferentes motivos polos cales se pensa que se achegaron ata alí, mais para sabelas deberíades achegarvos o sábado 27 de xaneiro a escoitar a Toño Maño.

tono_700173_0x0_izda

Toño Maño. Foto de: Oscar Corral (3)

De tódolos xeitos, adiantámosvos algunhas cousas: sabedes para que os utilizaban en Bares?

Primeiro, derreter o fígado, que era moi grande. Con aquel aceite era co que nos alumabamos, porque daquela non había gas nin cartos para comprar carburo. Meu irmán fixera os candís de lata. Un peixe deses grandes (dos que só recordo que se colleran tres ou catro) podía dar arredor duns 600 litros de graxa. E a carne valía de abono, para poñer a horta, as patacas, o trigo o e millo. Pero ao pouco tempo criaba herba da fame e houbo que volver ao esterco das cortes. Algo de aceite vendíase, a seis pesetas o litro, a un comerciante de Celeiro e unha fábrica de Cariño. E a carne tamén nola compraban os veciños que non pescaban (2).

Achégadevos! Agardámosvos!

Anotádevos para a visita e para o xantar en asociacion.nordes@gmail.com ou no 653 75 64 54 (Ricardo).

_____________________________________________________________

(1) Toño Maño “La pesquería del peregrino en Galicia” [Disponíbel en: https://tiburonesengalicia.blogspot.com.es/2012/07/la-pesqueria-del-peregrino-en-galicia.html ]

(2) Ana F. Cuba “O tiburón peregrino veu a Bares entre o ano 43 e o 55”. La Voz de Galicia, 6 de outubro de 2010. [Disponíbel en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/naron/2015/09/24/tiburon-peregrino-veu-bares-ano-43-55/0003_201509SL24F32991.htm ]

(3) Efe Ribeira “Toño Maño, voz de “Tiburones en Galicia”. El Correo Gallego, 23 de agosto de 2015. [Disponíbel en: http://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/tono-mano-voz-de-tiburones-en-galicia/idEdicion-2015-08-23/idNoticia-949157/]

Crónicas cubanas dun mañonés VI

Santa Clara é cidade ruidosa, “bullanguera”, cunha rica vida nocturna animada pola presencia de multitude de estranxeiros que acuden a visitar o mausoleo do “Che” Guevara, pero sendo protagonista principal dese movemento a xuventude cubana e as súas canles de expresividade artística e cultural: música, graffiti, teatro,…

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Da plaza principal, o Parque Leoncio Vidal, parte a rúa Luis Estévez, a cal nos leva costa abaixo cara ao Parque de los Mártires e á estación do ferrocarril que, por certo, é unha das máis modernas (e limpas) de Cuba.

Pero un pouco antes dese Parque e desa estación, nunha das esquinas do cruce de Luis Estévez coa rúa Conyedo, unha pequena mesiña de madeira chama a nosa atención. Sobre ela, uns poucos vellos libros, clásicos de autores rusos de páxinas amarelas e portadas gastadas, mantéñense en pé apoiados na parede do edificio, xusto ao carón dunha porta de madeira. Un carteliño escrito a mán infórmanos: libros a 5 pesos.

Subindo uns pequenos banzos accedemos ao interior dun pequeno local dividido en estreitas pezas nas que as librarías mostranse cheas de títulos e títulos ata máis non poder. Estará o noso Lino Novás entre os centos, quizais milleiros, de autores que ateigan os estantes?

Un home entre groso e forte, de cara ancha cuberta cunha barba pechada, beizos carnosos e amplo sorriso sae ao noso encontro. A pregunta que levamos repetindo cidade a cidade dende La Habana, xurde de novo sen moitas esperanzas de ser respostada positivamente:

– ¿Tiene algo de Lino Novás Calvo? –

O libreiro fai memoria uns segundos. Non consulta ficheiro algún, nin físico, nin informático. Tan soio o mental, e un queda uns segundos dubidando se será posible que teña aquel catálogo imposible de títulos e autores rexistrado nos miolos.

– Aquí no, pero creo que puedo conseguir para la tarde un ejemplar de “Angusola y los cuchillos”, o de “Pedro Blanco, el negrero”, y tendría que mirar si de una obra narrativa completa de una edición muy buena que salió hace unos años.

O subidón é claro e manifesto. Por fin alguén dí que sí á pregunta sobre Lino Novás. É mais, dí que sí á posibilidade de vendernos un exemplar dalgun dos seus libros pero, un momento. Non o ten aquí. Teno que buscar e dí que teríamos que voltar pola tarde a por él. Conseguirao? O home parece de palabra.

Os nosos pasos percorren Santa Clara ata a hora da cita. Unha cidade marcada pola figura do “Che” e da Revolución, o que se reflicte tanto na existencia do mencionado Mausoleo, como no “Monumento a la toma del Tren Blindado”, acción victoriosa para as armas revolucionarias dirixidas nesta ocasión por Guevara. A todo isto dicir que a devandita revolución tamén contou coa participación de xente da nosa terra, coma por exemplo os viveirenses de familia orixinaria de Miñotos (Ourol), irmáns Trigo López, Pedro e Julio.

Á hora sinalada, os pés lévannos lixeiros cara a libraría de vello da rúa Luis Estévez. Alí  o libreiro danos unha desagradable sorpresa: non conseguiu ningún dos títulos que nos prometera. Pero decontado desfai o noso pesadume con outra nova:

– Pero sí he conseguido esta recopilación de artículos publicados en la revista “Orbe”.

O libro, do que falaremos na seguinte crónica, leva por título “España estremecida. Crónicas en la revista Orbe. (1931 – 1933)” é o noso primeiro achado da tarde, ao que segue outro inesperado cando nos poñemos a conversar co noso “conseguidor”. Resulta que non é tan so un modesto libreiro de vello, senón que tamén é escritor galardonado ata en tres ocasións co Premio Internacional de relato policial da Semana Negra de Xixón. Seu nome, Lorenzo Lunar Cardedo, e o da libraría, para quenes a queiran visitar: “La piedra lunar”.

O Mañonés.

 

________________________________________________________________________________

Para saber máis:

http://www.cazarabet.com/conversacon/fichas/linonovas.htm

http://www.14ymedio.com/blogs/el_hidalgo_rural/piedra-lunar_7_1954074575.html

Nota informativa 2018

nordes

Recordamos ás/aos socias/os de Nordés que están convocadas/os á Asemblea Xeral Ordinaria 2018 da asociación que se realizará mañá, xoves 4 de xaneiro, no Centro Sociocultural do Vicedo, sito na rúa Cidade de Mondoñedo (nº 23): ás 19:00h. en primeira convocatoria e ás 19:30h. en segunda convocatoria.

A orde do día será a seguinte:

  1. Elección de nova/o Presidenta/e

  2. Memoria de actividades do ano 2017 e estado de contas

  3. Programación das actividades para o ano 2018

  4. Rogos e preguntas

Recordámosvos que, se o desexades, podedes participar de forma activa en Nordés (participando na organización e planificación de actividades, na difusión da asociación, etc.) a través  do resto de reunións abertas ás/aos socias/os que temos ao longo do ano. Se é o voso caso, só tedes que poñervos en contacto con nós a través do Facebook ou do noso e-mail: asociación.nordes@gmail.com.

Bo 2018!

 

Crónicas cubanas dun mañonés V

(Ou de como buscando a Novás atopamos a Barnet) 

IMG_20171026_132829

Biblioteca Provincial de Sancti Spiritus

“Na anterior entrega desta serie de curtos textos falabamos da nosa intención de dar con algunha edición cubana das obras de Lino Novás, para o cal empezamos cunha pescuda, que ao principio pensamos sería moito máis doada, e que nos levaría polas librarías de vello e bibliotecas públicas dunhas cantas cidades da parte occidental de Cuba (La Habana, Viñales, Cienfuegos, Trinidad, Sancti Spiritus, Morón, Santa Clara, Varadero e Matanzas).

Lino Novás Calvo, como xa dixemos, é un dos grandes da literatura cubana (é unha ousadía dicir que tamén da latinoamericana? e da mundial?), polo que, teóricamente, tería que ser tan coñecido en Cuba coma un Otero Pedrayo en Galiza ou un Valle Inclán en España, e que os seus libros foran obras comunes nos andeis das bibliotecas e postos de venda do arte literario. Mágoa que a nosa experiencia non corroborase esta teoría, pero iso non quer dicir que o noso literato sexa un descoñecido na illa. Tan soio que o hai que buscar, ao tempo que, nesa actividade de procura da obra novasiana non hai que desaproveitar o encontro con outros títulos e autores que saen ao noso encontro neste percorrido visual dos lombos impresos, e un deles foi “Gallego” de Miguel Barnet.

Pero “Gallego” non era unha obra descoñecida para nós. Xa nos soaba aquel título. Con “Gallego” tivemos o primeiro contacto como producción cinematográfica exposta nun deses horarios imposibles da TVE2, e cunha calidade audiovisual que deixaba moito que desexar. Ainda así, o seu contido quedou no noso maxín de tal xeito que dar con ese título nunha libraría de Trinidad fixo que non poidésemos deixar pasar a ocasión de mercalo. E, por suposto, de lelo.

 

“Gallego”, que veu a luz en forma de libro no ano 1981, foi levada á grande pantalla dirixida no 1987 polo director cubano Manuel Octavio Gómez, e interpretada no seu papel principal, o do emigrante galego Manuel Ruiz, por Jorge Sanz e Sancho Gracia, actores que se ben lle dan un certo empaque á interpretación, na nosa opinión non eran os máis apropiados para facer de “galego”, pero cadaquen terá a súa opinión, e todas son respetables.

Nesta obra atopámonos co emigrante traballador ao que a fortuna non lle sorrí. O emigrante maioritario. O que pasou toda a vida traballando para sair adiante e o conseguiu a duras penas. O que non voltou ou o fixo sen o capital que lle daba o título de “indiano”. Este predominio do emigrante “home” fainos reflexionar sobre o tan pouco coñecido papel da emigrante “muller” e os poucos traballos que hai arredor delas, cando a súa experiencia foi tan dura ou máis polo pouco valor que se lle daba ao seu traballo, o forte contido machista e patriarcal da sociedade daquel tempo, e os moitos abusos aos que foron sometidas.

Pero “Gallego” é máis que unha obra literaria ou cinematográfica. “Gallego” é, ao tempo, un estudo antropolóxico dos nosos emigrantes en Cuba. E nel está tamén presente a nosa bisbarra, pois o mellor amigo de Manuel, Veloz, é da zona de Ortigueira, ou iso nos leva a esta conclusión cando a asociación “Naturales de Ortigueira” ofrécese para facerse cargo do soterramento do noso veciño.

xosé neira vilas


Xosé Neira Vilas

Barnet, autor cubano, foi asistido nesta obra polo inconmensurable Xosé Neira Vilas, ainda que recibiu críticas por unha certa visión estereotipada do emigrante galego, o cal non supón demérito do seu libro, pois xa temos coñecementos dabondo, ou acceso a eles, para ler esta obra dende unha perspectiva crítica  sen que isto supoña renunciar ao seu disfrute.

O achegamento feito á súa obra coa lectura deste libro nuns poucos días fíxonos mercar a que está considerada a súa obra principal, “Biografía de un cimarrón”, nunha libraría da cidade de Sancti Spiritus. E sería na Biblioteca Provincial “Rubén Martínez Villena” da mesma vila onde, por certo, tivemos o primeiro encontro cos libros de Novás, aínda que tan soio fose durante uns intres que nos permitiron ter coñecemento de que os seus textos seguen sendo reeditados pola editorial estatal cubana. Saber isto déunos esperanzas de que a nosa búsqueda, máis cedo ou máis tarde, ía ter o seu premio.”

 

O Mañonés.

 

____________________________________________________________

El escritor cubano Miguel Barnet presenta “Gallego”, su última “novela testimonio””, El País, 20 de noviembre de 1981.

(Dispoñíbel en: https://elpais.com/diario/1981/11/20/cultura/375058803_850215.html )

García-Rodeja Arribí, Carmen e Pérez Rey, Nancy “Mulleres galegas na emigración: das Mariñas a Nova York”. Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003. Ed. de Helena Gónzález e M. Xesús Lama. Sada: Edicións do Castro/ Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG)/Filoloxía Galega (Universitat de Barcelona), 2007.   

(Dispoñíbel en: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/2943726.pdf

Crónicas dun mañonés IV

Introducindo a Lino Novás

image007“Cando tomamos a decisión de irmos a Cuba nas nosas vacacións, desbotando outras propostas, un nome veu á miña cabeza: Lino Novás Calvo…

…Lino Novás Calvo?

Quén coñece a Lino Novás Calvo?

Canta xente do concello de Mañón pode identificalo como escritor polo seu nome?

E cantos deses o teñen lido?

Teño que recoñecer que non foi persoa da que eu tivera noticia, nin do que se me ensinara  cousa algunha durante o meu tempo na EXB no Colexio de O Barqueiro.

Sendo xa de rapaz, a primeira lembranza dese nome, e tan soio do nome, foi cando o lín no programa dunhas festas das Grañas do Sor, e dando titularidade a un torneo de fútbol: Trofeo “Lino Novás Calvo”. Non vou negar que non me preocupei un intre en saber algo máis de quen era tal, e que tiveron que pasar uns meses, e pode ser que anos, ata que, da man de amigos -mestres, algún xa, desgraciadamente, físicamente non presente, o nome foi tomando forma.

Coas voltas da vida, moitas máis das que dá o noso amado Sor, Lino Novás foise esvaecendo da miña memoria ata que rexurdiu co nacemento de Nordés, a asociación polo desenvolvemento das Terras da Faladora, aló polo mes de agosto do 2012, na terraza do Bar Urbano (Mañón), e no marco das II Xornadas “Memoria dun tempo”, que naquel momento estaban organizadas polo colectivo “Memoria e Dignidade”. E foi así porque unha amizade case esquecida, a do meu benquerido Bernardo Penabade, un dos impulsores do abrente nordesteiro, o fixo posible.

image006Para quen non o saiba, e a estas alturas non o teña buscado no “Google”, Lino Novás Calvo naceu e viviu nas Grañas do Sor (1903 – 1912), de onde emigrou para Cuba, onde viviu ata a súa saída do país caribeño pouco tempo despois da chegada da Revolución, sendo unha das grandes figuras da literatura cubana e, por extensión, hispanoamericana, ainda que non teña o renome doutros escritores como García Márquez, Vargas Llosa ou Cabrera Infante… ao peor porque foi precursor de todos eles.

O traballo do compañeiro Penabade e de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, pola recuperación da memoria de Lino Novás  na súa terra natal deu como resultado que o seu legado, “composto por orixinais de contos ou de artigos de xornal, datos biográficos persoais, libros traducidos, números especiais de revistas, etc”, e da man da súa filla Himilce, veña agora a estar depositado en Santiago, concretamente nos arquivos do Consello da Cultura Galega.

260px-Lino_novasFoi por iso que, xunto coa idea de facer a visita ao panteón da Unión Mañonesa, houbo outra que se asentou na nosa cabeza: atopar algún exemplar das súas obras nunha edición cubana. Sería complicado ou sinxelo?. Xa vos imos contando se o conseguimos, pero será en próximas entregas destas crónicas.

O Mañonés.

 

 

 

Nota do autor: ” Na primeira entrega destas Crónicas cubanas dixemos que Ramón Armada Teixeiro era para nós un autor descoñecido. O meu amigo Ricardo veume a tirar das orellas por canto no primeiro número de “Terras do Ortegal” (2014), que merquei e lín, hai un moi bó texto de José Manuel Suárez Sandomingo que leva por título “Ramón Armada Teixeiro, uno de los grandes poetas y periodistas de la emigración”. Pido desculpas ao autor pola miña desmemoria, e aconsello ás persoas interesadas a súa lectura.”

___________________________

Para saber máis:

http://emigracion.xunta.gal/es/conociendo-galicia/aprende/biografia/lino-novas-calvo

http://consellodacultura.gal/mediateca/evento.php?id=200196

https://www.cubaencuentro.com/cultura/articulos/la-vuelta-a-casa-del-emigrante-318972

http://revistaortegal.blogspot.com.es

Crónicas dun mañonés III

Hoxe deixámosvos a continuación de “Crónicas cubanas dun mañonés III”.

“Xa vai pola terceira crónica da nosa viaxe a Cuba que facemos, e aínda non saímos do cemiterio de Colón, pero o certo é que da para iso e moito máis.

Como xa dixemos, visitar ese cemiterio é visitar parte da Historia da nosa terra. As pegadas da emigración galega están presentes nos panteóns, nas lápidas, nos apelidos, nos epitafios.

IMG-20171111-WA0015 (1)

Carlitos,á dereita da fotografía

O noso, o da Unión Mañonesa, está ao coidado de Carlitos.

Carlitos é un home tamaño estándar. Recíbenos cun soriso sincero baixo a súa gorra publicitaria, lucindo camisa branca de manga curta e pantalón de faena azul, cunha das dúas perneiras algo recollida, e uns zapatos gastados polo tempo e o traballo. No seu pulso esquerdo unha pulseira de contas verdes, amarelas, vermellas e negras.

– Usted es santero, ¿no? Esa pulsera verde y amarilla ya la he visto a otras personas y sé que tiene que ver con ello, y que habla del poder de comunicar e influir en otras personas pero, ¿qué significan esas cuentas rojas y negras que llevan en el centro?

– Significa que soy babalawo (sacerdote) de Elegguá.

– Pero usted también es cristiano (unha cruz pendura dunha cadeiña arredor do seu pescozo)

– Sí.

Carlitos ábrenos a porta do panteón da Unión Mañonesa. Cinco cadeiras elévannos ata diante o altar. Nel, unha figuriña.

– San Antonio. En mi pueblo hay mucha devoción a este santo.

Carlitos sorrí (él sabe, pero eu aínda non, que San Antonio é Elegguá, dono do destino que fai feliz ou infeliz a unha persoa) e despois de ensinarnos o panteón sinálanos e dille a berros a dous operarios que botan o tempo sentados nunha sepultura:

– Son de Mañón. En Galicia. De ahí viene lo de Unión Mañonesa.

Os outros fan un aceno neutro. Carlitos déixanos abandoados. Reclámano. Ten negocios aos que atender. O que cobra do Estado, e os 100 pesos cubanos por coidar o panteón da UM non da para vivir.

Dalí, e na procura da saída, damos co panteón dos Naturales de Ortigueira.

IMG_20171021_123334

Inmenso en comparanza á maioría dos panteóns do Colón. Bonito? Segundo se vexa. Disque está inspirado na igrexa de San Adrián de Veiga. Pode ser. Non imos ser nós os que digamos que non.

Francisco, un home maior, fraco, humilde, amable, ábrenos as portas e abraianos cando dí:

– Este panteón tiene 3 pisos. Este en el que estamos y dos bajo nuestros pies.

Percorremos os corredores flanqueados polos nichos a tres alturas.

– Pero, canta xente hai aquí soterrada?, pensa ún (ten capacidade para 727 nichos e 4.458 oseiras)

A imaxe de Santa Marta, patrona de Ortigueira, preside o altar maior do panteón. Identificámola ainda non sendo crédulos. Uns pesos cubanos cambián de mán.

– Muchas gracias. No sabe lo bien que nos vienen estas ayudas.

Sabémolo. A xubilación en Cuba non chega para nada.

Deixamos o cemiterio coa mágoa de non terlle adicado máis tempo. Cantas vidas, historias, segredos… Canta emigración non retornada.”

O Mañonés.

 

Crónicas cubanas dun mañonés II

Hoxe deixámosvos a continuación de “Crónicas cubanas dun mañonés I”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Panteón de “La Unión Mañonesa” en La Habana con “Carlitos”, o coidador, na porta

“Seguimos no cemiterio de Colón. Posiblemente é o sitio de toda La Habana onde maiormente se percibe a presenza dos emigrantes galegos, pois moitos dos panteóns “con denominación de orixe” que inzan o camposanto son de asociacións pertencentes na súa orixe a algunha bisbarra ou concello da nosa terra, xunto cos dos nosos veciños asturianos, que tamén podemos atopar en bó número.

Sendo de onde somos, as nosas pegadas foron lixeiras para ir dar co panteón da Unión Mañonesa, una construción cúbica da que se descoñéce a súa data de fabricación, pero non a da súa toma de posesión pola Unión, pois na porta do mesmo unha placa dí: “En honor de la directiva del año 1948 en que fue adquirido este panteón”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

O certo é que vinte días antes pasamos polo cemiterio para anunciar a nosa chegada. Queríamos facer una visita ao panteón guiados co seu coidador é, se fose posible, con algún membro da actual Unión Mañonesa. Hai que ter en conta que o devandito panteón é parte do noso patrimonio histórico e cultural, erguido por conta do traballo e esforzo de persoas que saíron do noso concello na procura dunha vida mellor, e que foron capaces de mandar cartos, non soio para as súas familias, senon tamén para construir as escolas rurais que permitiron mellorar o nivel educativo dos nosos antergos.

O 7 de novembro fixemos a visita da mán do coidador do panteón, “Carlitos”, quen por 100 pesos cubanos ao mes, uns 4 euros, é o encargado de ter o monumento limpo e, cando cadra, facer de enterrador. Noutro momento falaremosvos del.

Para nós foi emocionante achegarnos a aquel recuncho da nosa historia, ao sartego daquelas persoas que saíron de Mañón e se mantiveron vencellados ao seu berce de tal xeito que fixeron por perpetuar o seu nome nunha illa tan lonxana de Galiza como é a de Cuba, fundando no 1909 a Unión Mañonesa, e sendo quen de erguer na súa terra de orixe unha morea de escolas para cumprir coa súa primeira premisa estatutaria: “Fomentar y difundir la instrucción gratuita en Mañón (Galicia-España) y demás parroquias de su Ayuntamiento”, seguindo o exemplo de Francisco López de Estrada,  emigrante de Santa María de Mogor (O Barqueiro-Mañón) en México, que na segunda metade do século XVIII aportou os cartos precisos para a construcción da coñecida como “Obra Pía” na súa parroquia de orixe.

As escolas “Vicente Vidal”, da Casanova, do Campo de san Roque, e “Francisco Penabad”,  todas elas da Unión Mañonesa, e a da “Sociedad de Instrucción Luz de Riveras del Sor”, foron froito do esforzo dos migrantes mañoneses, atópandose hoxe abandoadas case todas, agás a do Campo de San Roque, agora sede do albergue “O abeiro”, e a da Sociedade Luz, que acolle actividades puntuais uns poucos días ao ano.

Namentras, na cidade de La Habana, no cemiterio de Colón, un pequeno panteón que precisa dalgúns arranxos, é a testemuña arquitectónica da vida e morte dos nosos veciños en Cuba. Ao tempo, a Unión Mañonesa pervive como sociedade, sen que saibamos a súa finalidade a día de hoxe, pois non nos foi posible cadrar unha data e hora para falar cos seus responsables actuais, e as novas que temos lévannos a pensar que os nosos paisanos na asociación, desgraciadamente, xa non pagan cota dende hai tempo.”

O Mañonés.

 

___________________

Para saber máis:

http://www.cronicasdelaemigracion.com/media/cronicas/books/vidasgrabadasenlapiedra.pdf

http://studylib.es/doc/7546056/presencia-eterna-de-gallegos-en-la-habana

http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/