III Xornadas micolóxicas

cartel-micoloxia-iii-2016-definitivo

O micólogo José Luis Cuba plantou fai tres anos algo así coma unha árbore micorrizada no seo de Nordés, facendo que as esporas dos fungos que naceron neste tempo se espallaran, e medraran novos, atraendo a curiosidade de socias, socios e afeccionada/os ao mundo da micoloxía coas xornadas de iniciación do 2014 e do 2015. Agora, xa que pretendemos asentar os coñecementos aprendidos, gozaremos da recolleita na mañá do sábado 26 de novembro cun grupo de 25 persoas polos hábitats que elixa o noso micólogo. Comezaremos cedo, polo que o Restaurante “A Goleta”, no Barqueiro, será o noso punto de reunión ás 8 da mañá. E… Recordade! Levade roupa axeitada, unha navalla e un cesto (ou os que queirades).

E se pola mañá recollimos os productos, ás 19.30h. o Nordés achégaos á cociña do Restaurante “Orillamar”, en Espasante, para que sexan os ingredientes principais na demostración gastronómica para un grupo de 25 persoas.

[Para asistir a ambas actividades ou a unha soa é preciso chamar ao 653756454 (Ricardo). O custe da saída ao monte é de 5€ e gratuíto para socias e socios. Tamén é de balde, para 25 persoas, a demostración gastronómica no Orillamar.]

Cal é a mellor maneira de acabar unha xornada micolóxica? Comendo! Ás 22:00h., o Restaurante “Orillamar” terá preparado para 75 persoas un menú que estará composto de: crema de tres cogomelos, revolto de níscalos, salteado de boletus con xamón, xarrete en salsa de cogomelos e crema de iogur con castañas, algas e boletus. O seu custe é de 20€ por persoa e tamén é preciso anotarse no número de teléfono 653756454 (Ricardo).

Por se a saída, a demostración e a cea non vos convencen pero queredes degustar algunha elaboración con cogomelos, o Restaurante “Orillamar” terá, dende as 20:30h. ata as 22:00h., as seguintes tapas á vosa disposición (a 1,5€/unidade): tosta de cogomelos con xamón, queixo de Arzúa e cebola caramelizada, pementos recheos e chícharos con xamón e chantarela.

Chamade, collede o chaquetón e animádevos a pasar unha xornada de outono máis con Nordés! E este día cheira a humidade, terra e cogomelos cociñados!

II Xornadas de iniciación á micoloxía

Micoloxía 2015 10

O ano pasado, cara o mes de novembro, Nordés organizou as “I Xornadas de iniciación á micoloxía” da man do micólogo José Luis Cuba. Tras unha boa experiencia, Nordés retoma neste outono do 2015 o tema, cunhas segundas xornadas.

O esquema que se seguiu o ano pasado, repítese neste, para todos aqueles que non puideron desfrutar das xornadas ou queren asentar uns coñecementos básicos.

Mañá, 8 de outubro, no salón de actos do Concello de Mañón, no Barqueiro, terá lugar a sesión teórica onde se ensinará a distinguir os fungos comestibles dos venenosos, as concretas características de cada especie, así como as súas partes e a súa función no noso medioambiente. E… Que é o mellor para gardar toda a información que José Luis transmita? Un bloc de notas e unha cámara fotográfica, sen dúbida.

Xornadas de Iniciación á Micoloxía, nov.2014

Xornadas de Iniciación á Micoloxía, nov.2014

Como ben destacaba José Luis Cuba o ano pasado a prudencia é moi importante á hora da recolección. Hai que ser conscientes do hábitat no que nos atopamos (carballeira, pinar, campeiro) e ir provistos cun bo coitelo -unha navalla- e unha boa cesta de vimbio, para favorecer a aparición de novos fungos no futuro. Non vos esquezades das notas tomadas durante a clase teórica!

Xornadas de Iniciación á Micoloxía, nov. 2014

Xornadas de Iniciación á Micoloxía, nov. 2014

O ano pasado, os participantes e membro de Nordés, ergúeronse ben cedo e saíron cara as terras de Vilalba a desfrutar dunha mollada e boa mañá de recolección. Agardamos que durante a mañá do sábado 10 faga mellor tempo nese recuncho -sen determinar- onde se realizará a parte práctica das xornadas.

Xornadas de Iniciación á Micoloxía, nov.2014

Xornadas de Iniciación á Micoloxía, nov.2014

E… Que é o mellor para rematar unhas xornadas sobre micoloxía? Unha degustación! O sábado 10, no Mesón O Malecón en Ortigueira, poderedes desfrutar das artes culinarias do noso micólogo e só por 10€. A partir das 21:00 horas.

Podedes asistir só ao curso (un/dous días) por 15€, cantidade que lle entregará persoalmente cada participante a José Luis Cuba. O prezo da degustación son 10 €.

Aínda estades a tempo de apuntarvos! No teléfono 653 756 454 (Ricardo) ou no e-mail asociacion.nordes@gmail.com.

Agardámosvos!

Volven as “Xornadas de Iniciación á Micoloxía”.

SETAS

O noso experto José Luis Cuba atópase cas forzas necesarias para facer posible de novo as “Xornadas de Iniciación á Micoloxía”. Agora, convidámosvos -este venres 7 e sábado 8 de novembro a participar tanto na sesión teórica coma na saída ao monte e, por suposto, só se vos apetece á degustación no Mesón O Malecón, en Ortigueira. Pedimos desculpas por avisar con tan pouco tempo de antelación, pero segue sendo unha oportunidade única – se quedáchedes cas ganas de formar parte das Xornadas.

Os horarios, as condicións, o prezo e os lugares son os mesmos que aqueles que vos proporcionamos para os días 24 e 25 de outubro. Se queredes recordar algo, nesta mesma páxina (máis abaixo) atoparedes toda a información ou se facedes “clic” aquí.

Chamade ao 653 756 454/ 680135439 ou  escribide a asociacion.nordes@gmail.com para reservar o voso sitio. Recordade, o prezo son 15 euros por participar nas Xornadas e 5 euros máis se queredes gozar da degustación.

Cancelación das “Xornadas de Iniciación á Micoloxía”

As “Xornadas de Iniciación á Micoloxía”  do 24 e 25 de outubro quedan canceladas debido a un problema de saúde do noso micólogo José Luis Cuba.

Dende NORDÉS desexámoslle unha boa recuperación a José Luis e pedimos disculpas a tódalas personas inscritas na actividade.

No momento preciso daremos máis información sobre o futuro destas xornadas.

Xornadas de Iniciación á Micoloxía

Hoxe dende NORDÉS convidámosvos a unha nova actividade moi propia deste marabilloso tempo de outono: as “Xornadas de Iniciación á Micoloxía”. Nelas contamos coa presenza do micólogo mugardés José Luis Cuba, quen nos guiará dende o venres 24 de outubro ata o sábado 25 polo mundo dos fungos e dos cogomelos.

10649007_359739850851520_5861505814691835965_o

Recordade, cogomelos son aqueles fungos que “teñen pé e que están rematados nunha especie de sombreiro”, según a RAG. Deles, algunhas especies poden ser comestibles ou non. Como xa di o noso refraneiro “cos fungos nin dudar nin acertar; o saber tenchos que aconsellar”. E consellos serán os que José Luis Cuba nos proporcione a través dunha sesión teórica de formación inicial que atoparedes dende as 19:00 h. no Salón de Actos do Concello de Mañón (O Barqueiro).

Como sabedes é importante un recoñecemento visual destes productos, sobre todo se a recolleita se destina ao consumo propio. Fotografiar os exemplares e tomar os apuntes necesarios é básico para unha óptima recolleita ao día seguinte. Por iso, recomendamos levar ámbolos días no peto un bloc de notas e unha cámara de fotos (ou móbil), así como unha cesta e navalla (opcionais), boa roupa de abrigo, calzado cómodo e un bocadillo para a ruta do día 25.

Comezaremos a sesión práctica cara as 07.30 ou 08:00 h. da mañá, xusto ao raiar o sol. A ruta que seguiremos, así como o punto de encontro, plantexarase o día anterior na sesión teórica. A pretensión inicial é a de poder visitar diferentes tipos de hábitats, para poder atopar e coñecer unha ampla variedade de especies de cogomelos.

Tras unha mañá que se presenta prometedora e desexando que o tempo acompañe, daranse por rematadas as xornadas coa cata dun menú degustación no Mesón O Malecón, en Ortigueira, a partir das 20:00 h.

A participación completa nas Xornadas ten un custo de 15 euros por persona, sumándolle os 5 euros que custaría participar na degustación en Ortigueira. 20 euros para un máximo de 30 participantes que acadarán a súa praza por estricta orde de chamada ao 653 756 454/ 680135439 ou tras escribir a asociacion.nordes@gmail.com.

A data límite para inscribirse é o xoves 23 de outubro. Non perdades a vosa oportunidade e apuntádevos as “Xornadas de Iniciación á Micoloxía” de NORDÉS. Quedan poucas prazas xa.

¿E se non podedes asistir? Non vos preocupedes. Daremos conta neste blog de todo o acontecido.