Teatro “Balas sobre Broadway”

Balas sobre Broadway

Temos nova actividade en Nordés co grupo “Achádego Teatro”. De balde!

15272084_10150739377054975_8875169907156592184_o

O sábado 23, ás 20:00h., na Casa da Cultura do Vicedo, gozaremos da representación da adaptación da obra de Woody Allen “Balas sobre Broadway” (dirixida por Antón Sampaio). O grupo lucense conta con 30 anos de experiencia e achégase ao Vicedo cun elenco de 13 actrices e actores que traballan un guión difícil de adaptar ao mundo do teatro, polo ritmo vertixinoso que lle imprime o norteamericano á súa película.

Escenas da obra “Balas sobre Broadway” de La Voz de Galicia

Os noventa minutos de acción cómica transcorren na Nova York dos anos vinte, na época da Lei seca, momento no que a prohibición da fabricación e venda de bebidas alcohólicas derivou nun incremento do crime organizado. Nese contexto, o dunha sociedade marcada pola mafia, o escritor David Shayne precisa apoio financieiro para levar aos escenarios de Broadway a súa obra “Deus do noso pais”.

Esta é unha actividade inscrita no Proxecto de Teatro Afeccionado “Buxiganga” 2017 que pertencente á Área de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo. A través deste programa podemos achegar o teatro afeccionado aos pobos e contar con obras de gran calidade e formato.

Achegádevos ao mundo do humor, da música e do baile! Achegádevos ao teatro!

Advertisements

Unha flor pola memoria

UNHA FLOR POLA MEMORIA DEFINITIVO DEF

ACTO “UNHA FLOR POLA MEMORIA” Intervención artística. Achégate a debuxar a ponte ou o seu ambiente con nós!

Dende as 11:00h. realizaranse unha serie de actividades na Ponte do Barqueiro coa fin de promover a cultura da paz, unha tarefa que se presenta como colectiva para Nordés. A fin última é humanizar o espazo convindado para iso a todas/os as/os veciñas/os a que se acheguen e participen da creación artística ou depositando unha flor pola memoria.

lucas
 

Fonte: “A luz das mámoas”

 

O acto artístico estará coordinado por Lucas Iglesias Serantes (O Vicedo, 1984) quen cursou o bacharelato artístico no IES Monte Castelo de Burela e estudou o Grao de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia pola especialidade de Arqueoloxía. Neste campo desenvolveu actividade técnica en diversos xacementos e foi un dos membros fundadores de “A luz das mámoas” proxecto de posta en valor dun conxunto megalítico. No plano musical, é membro do grupo vocal SondeNós, dirixido por Plácido Travieso.

13335963_10153841813764332_2657198614382960922_n
 

Fonte: Alfombras Florais de Burela

 

Xa temos confirmada a presenza da artista plástica Zili Katova, que instalou o seu obradoiro en Martiz (Mondoñedo) e que o converteu en albergue destinado ás persoas que fan o Camiño Norte. De orixe madrileña, Zili KAtova é antropóloga e conta cunha dilatada experiencia como cooperante en Nicaragua, en Bolivia, no Brasil, en Haití e na República Dominicana ao servizo de Educación sen Fronteiras; e nos Balcáns, a través doutra ONG.

Sin títuloA “Asociación Cultural Apelón Educación”, de Mugardos e membro, como Nordés, da “Rede de Patrimonio Cultural” posta en marcha neste 2017, achegarase a realizar unha ofrenda floral á Ponte Vella. Dita asociación traballa co fin de preservar o legado dos antepasados,reforzar a identidade cultural e promover o respecto á diversidade.

74055_1377327585826105_172344799_nAssociaçom Cultural Xebra confirma a súa participación mañá no acto UNHA FLOR POLA MEMORIA. Esta formación creouse no 2013 por xentes da Mariña que buscaban poñer en práctica a súas inquedanzas sociais, culturais e políticas. Dende o Centro Social Xebra de Burela desenvolven as súas actividades que promoven unha sociedad igualitaria e non patriarcal,a normalización e reintegracionismo da lingua galega, o ecoloxismo, o anticapitalismo, a solidaridade entre os pobos e favor do dereito de autodeterminación e independencia de Galicia.

11041744_660118410780483_5880627642348552455_nDende o ámbito institucional-municipal, o PSDeG-PSOE do Vicedo tamén confirma a súa presenza ao acto.

9563327a9d5498c948452b634d8affe5Así como o PSDeG-PSOE de Ortigueira representado por Vanesa Trevín Pita (Ortigueira, 1983). Licenciada en Historia pola USC, especialista en arqueoloxía e xestión do patrimonio, e moi implicada no ámbito cultural da comarca, asumiu o mando do consistorio de Ortigueira á vez que se encarga da concellería de Patrimonio, Medio Ambiente e Paisaxe. Un labor que compaxina coa súa profesión de arqueóloga en diferentes proxectos ao longo de Galicia: agora mesmo, no Castro de Cerdido.

a-QfnCtXO Grupo Parlamentario do BNG estará representado polo deputado e concelleiro de Pontevedra, X. Luis Bará Torres, filólogo e profesor. É o concelleiro de Mobilidade e Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra. Entre o 2005 e o 2009 actuou como Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Neste 2017 publicou o libro titulado “Non des a esquecemento. Relatos do xenocidio fascista en Galiza, da resistencia e da solidariedade”(Instituto de Estudos Miñoranos, 2017). Nel recolle os artigos do período 2014 2016 do seu blog persoal “Non des a esquecemento” (http://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/)

En_Marea_Logo_(political_party)O Grupo Parlamentario de EN MAREA estará representado polo deputado Antón Sánchez (Alacant, 1974), enxeñeiro técnico en xardinería e hortofruticultura pola Escola Politécnica de Lugo. Membro do Sindicato Labrego Galego, foi coordinador nacional do sector de horta (2006-2008). É membro da Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural As Mariñas-Betanzos como representante do sector agrícola. Portavoz da Coordinadora Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista, nas eleccións ao Parlamento de Galicia 2016 foi elixido deputado por En Marea.

Cara as 13:00h. desprazarémonos ao Monolito da Ponte para realizar a tradicional V Homenaxe a republicanxs e libertarixs.

Agradecemos o apoio e o desprazamento ao Barqueiro das compañeiras e dos compañeiros das asociacións aquí mencionadas, ás/aos representantes dos partidos municipais e dos grupos parlamentarios.

Pilar Cagiao e María Manuela nas VII Xornadas Memoria dun Tempo

UNHA FLOR POLA MEMORIA DEFINITIVO DEFNo último día das VII Xornadas Memoria dun Tempo teremos un acto pola mañá -na Ponte do Barqueiro, de 11:00h. a 13:00h.- chamado “Unha flor pola memoria” do que máis tarde teredes máis información. Logo, cara a 13:30h. reunirémonos na monolito para celebrar a V Homenaxe a republicanxs e libertarixs.

Pola tarde, cara as 20:00h. no Salón de Actos do Concello de Mañón, daremos as últimas pinceladas a estas VII Xornadas Memoria dun Tempo.

apuntamentos

Imaxe de Apuntamentos para un filme

Este documental é o borrador sobre o que se constrúen as personaxes femininas do filme A cicatriz branca (2012) de Margarita Ledo Andión.

48 minutos onde máis dunha ducia de mulleres galegas falan da súa vida na emigración en Arxentina. A maioría delas saíran de Galiza de mozas, no primeiro terzo do século XX, coa única fin de traballar servindo nalgunha casa. Unhas viaxaban cos papeis en regra, outras tiñan que falsificar a súa Debuxo: Díaz Pardo      idade e mesmo a súa      identidade.

Margarita Ledo recolle a memoria destas mulleres ligadas intimamente a Galiza, pero dispersas nunha diáspora que as deixa marcadas de por vida. Por iso, Apuntamentos para un filme xira sobre a idea de que o primeiro que perde un emigrante é a palabra, propoñéndose aquí “unha conciencia fragmentada do feminino” onde é o silencio o que ten un peso en concreto[1].

pilar cagiao

Pilar Cagiao Vila nunha imaxe dunha producción do Consello da Cultura Galega sobre o Arquivo da Emigración Galega. Fonte: “O Arquivo da Emigracion non o ten todo pero si todas as indicacións de a onde ir”, Youtube.

A continuación, Pilar Cagiao Vila en “Ser muller e ser emigrante: experiencia das galegas en América” falará do fenómeno en xeral e de experiencias concretas das galegas na emigración a comezos do século XX.  Á vez, encantaríanos poder contar con mulleres da bisbarra que viviron a emigración en América Latina, Europa ou noutros lugares, para falar das semellanzas, dos atrancos,… Ao fin, das súas experiencias. Convidamos ás emigrantes e inmigrantes a achegarse!

Pilar Cagio é profesora titular de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela e directora do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas “Gumersindo Busto” da mesma universidade. Dende a a súa tese, investiga sobre os movementos migratorios e as relacións culturais entre España e América Latina. Foi directora do Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega e forma parte, na actualidade, da xunta directiva da Asociación Española de Americanistas (AEA). O seu primeiro libro titulouse Muller e emigración (1997) e ten publicacións tanto sobre temática migratoria como da propia historia de América Latina.

0219mariamanoela

María Manuela. Fonte: http://www.ghastaspista.com/novas/leenova.php?id=604

Para pechar as xornadas, cara  as 22:00h nese mesmo lugar, contamos con María Manuela, cantante e pintora ferrolá, que dende a década dos setenta loita pola dignidade da lingua galega. Esta reivindicación constante pode verse ao longo do seu traballo en solitario en ambas disciplinas ou no dúo musical que formou coa  súa parella, Miguel Varela. Xurxo Varela, músico, compositor e fillo da artista, acompañará a esta muller nunha noite que desexamos que sexa unha reivindicación da (súa) figura feminina no mundo das artes galegas e da nosa cultura.

 

[1] “Retrospectiva Margarita Ledo” En http://www.documentamadrid.com/es/seccion/retrospectiva-margarita-ledo/

Agardámosvos!

Montse Fajardo Pérez nas VII Xornadas Memoria dun Tempo

montse-fajardo

Montse Fajardo Pérez na presentación do seu libro Un cesto de mazás. Fonte: Faro de Vigo.

O segundo día das VII Xornadas Memoria dun Tempo terá como relatora a Montse Fajardo, dende as 20:00h. no Salón de Actos do Concello de Mañón.

Chega ao Barqueiro para falar da “Memoria das mulleres no relato da represión franquista” pola súa experiencia na recuperación da memoria  dende unha perspectiva de xénero, a través de plans institucionais e persoais, dende o ámbito da escrita.

Por un lado, Montse Fajardo forma parte do grupo redactor do programa “A memoria das mulleres” promovido pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra. Este proxecto “nace coa finalidade de construir, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.” Unha das súas misións, en concreto, é a de promover a participación dos centro educativos no estudo e divulgación sobre as mulleres na historia de Pontevedra. cesto de mazás

Por outro lado, recolleu a memoria de dezaseis familias marcadas pola represión tras o golpe de Estado de 1936 en Un cesto de mazás; e centrou o protagonismo do seu libro Matriarcas, mulleres en pé de vida nas mulleres da posguerra.

Montse Fajardo é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, a súa vida laboral está ligada á prensa escrita como redactora no “Faro de Vigo” e o “Diario de Arousa” e a radio. A día de hoxe forma parte do grupo redactor do programa “A memoria das mulleres”. 

Victoria Martins Rodríguez nas Xornadas

MEMORIA DUN TEMPO AGOSTO DEFINITIVO

Mañá comenzan as VII Xornadas Memoria dun Tempo no Barqueiro (Mañón) adicadas á figura da muller.

Nordés convidou a Victoria Martins Rodríguez e Ángel Rodríguez Gallardo a que nos acompañasen e axudasen a mirar cara atrás para entender a situación actual da muller e darnos propostas de futuro para conseguir unha igualdade real na sociedade actual.

Primeiro proxectaremos o documental Digna Rabia(2011), o primeiro desta investigadora e deste profesor da Universidad de Vigo. Colaboraron na súa realización a Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas, o Concello e a Universidade de Vigo e o Concello da A Coruña; financiado polo Ministerio de Presidencia.

digna_rabia_1907Os 67 minutos de metraxe abraguen 27 relatos individuais de mulleres que viviron o franquismo dende diferentes puntos de vista e xeracións: dende a muller na posguerra, o seu silencio como ama de casa e o peso da ideoloxía falanxista sobre ela… Ata o despertar das primeiras loitas feministas, a realidade da desigualdade e as consecuencias de anos de invisibilización nun mundo gobernado polos homes.

Victoria Martins e Ángel Gallardo

Ángel Rodríguez Gallardo, no centro da imaxe, e Mª Victoria Martins Rodríguez, á súa esquerda, na presentación do documental Digna Rabia (2011) na Casa de Galicia en Madrid no 2014. Fonte: http://casadegalicia.xunta.gal/es/web/guest/actualidad/-/asset_publisher/4LfE/content/id/56059

Partindo deste fío histórico, Mª Victoria Martins Rodríguez comezará a charla titulada “O compromiso coa igualdade: unha visión de futuro desde a análise do pasado”, unha proposta preparada da man de Ángel Rodríguez Gallardo -quen non poderá asistir ao final.

As súas palabras centraránse na importancia de concienciar dende o ensino dun futuro mellor , posto que foi o acceso ao eido da educación o comezo da loita das mulleres pola igualdade e pola conquista do espazo público.

Mª Victoria Martins Rodríguez é investigadora da Universidade de Vigo. Traballa dende fai máis de 20 anos no estudo da represión cara as mulleres durante o franquismo, tanto a nivel nacional como estatal. O percorrido histórico das súas investigacións chegan ata o día de hoxe sen perder a perspectiva de xénero: centrouse no tratamento audivisual da muller, a través do NO-DO, e nos libros de texto durante o franquismo; nos movementos que loitaron pola obtención dunha igualdade real das mulleres dende finais dos franquismo ata a época democrática -no ámbito dos sindicatos galegos; e no acceso das mulleres ao ámbito da educación, dende a elemental ata a universitaria. 

Ángel Rodríguez Gallardo é profesor asociado da Universidade de Vigo dende o ano 2010. A súa carreira como investigador abrangue o ámbito da “análise do discurso” dende unha perspectiva de xénero que tamén aplica na súa faceta como historiador, centrado na recuperación da memoria histórica.

Agardámosvos! Ás 20:00h. no Salón de Actos do Concello de Mañón -O Barqueiro.

 

Dende aquí, agradecémoslle a Ángel Gallardo Rodríguez o interés mostrado en todo momento e desexámoslle unha boa recuperación. 

Percorrendo o Camiño dos Arrieiros

Camiño dos arrieiros, xullo 2017

Nordés organizou fai dous anos unha actividade para coñecer os tesouros da Serra da Faladora. Contamos con Carlos Otero Vilariño para que nos falase dun deles: o Camiño dos Arrieiros. Se queredes saber máis daquela xornada convidámosvos a visitar o seu resumo -premendo aquí.

Unha consecuencia daquela visita invernal foi o desexo de poder percorrer algún día parte do trazado nunha ruta a pé. Daquel desexo, esta realidade que hoxe presentamos ante vós.

“Percorrendo o Camiño dos Arrieiros” quere ser unha actividade para dar a coñecer esta ruta que empregaban os nosos antepasados para transportar mercancías dende As Pontes ata Bares. Vanesa Trevín – arqueóloga- e Pepe Riola -experto nas lendas e historia da zona- serán os guías perfectos para atopar a razón de ser do camiño e aquelas sinais agochadas ao longo dun trazado de 9 quilómetros delimitado entre O Abeiro de Mañón e Candedo.

camic3b1o-dos-arrieiros

Localización do Camiño dos Arrieiros en Galicia e toda a súa extensión | Imaxe obtida de OTERO VILARIÑO,C. “Unha ruta en Ortegal: o Camiño dos Arrieiros” en Traballos de Arqueoloxía e Patrimonio, Santiago de Compostela, CSIC, 2003

 

A xornada está organizada arredor do transporte en autobús, un medio cómodo para poder gozar da programación do 22 de xullo. O transporte comezará a recoller á xente ás 08:30h. na parada de Viveiro (na explanada do mercado, na Variante) e irá parando nos lugares antes concertados (Folgueiro, San Román, O Vicedo, O Barqueiro, Loiba) ata chegar a Ortiguera. Como é necesario anotarse para esta actividade, limitada a 55 prazas, o mellor é precisar a parada onde desexades coller o autobús.

Dende Ortigueira, o autobús subirá cara O Abeiro de Mañón para poder gozar da charla sobre o camiño. Antes disto, parará polo camiño para visitar un conxunto de mámoas que se atopan na Serra da Coriscada.

Logo da charla e cara as 11:30h. comezará a ruta de sendeirismo. Dende Nordés recomendamos levar tanto roupa como calzado axeitado, sen esquecer o importante que é poder hidratarse ao longo do camiño.

Cara as 15:00h. o autobús achegarase a recoller ao grupo de participantes, no punto final do camiño. Deste xeito, poderán gozar dun menú en Casa Urbano composto por: salpicón de bonito de Burela, polo de curral, ensalada con productos da casa, requeixo da granza de Porto Vello, café e bebida.

Para rematar esta xornada, ás 17:00h. o autobús saíra dende o lugar do xantar para deixar a cada quen na súa parada.

Esta actividade ten un prezo (desprazamento+xantar) de 15€/ persoa para as/os socias/os e de 18€/persoa para aquelas/es non socias/os.

Se vos interesa, só tedes que enviarnos un e-mail a asociacion.nordes@gmail.com ou chamar ao seguinte número de teléfono (Ricardo) 653756454.

Agardámosvos!

Proxecto Ríos cos colexios no río Sor

proxecto ríos 2017 2

Onte, 5 de maio, foi o Día Mundial do Medio Ambiente e Nordés para conmemorar este día decidiu realizar os análises de primavera do Proxecto Ríos acompañado polos colexios do Barqueiro e do Vicedo. Esta xornada súmase ás anteriores actividades de convivencia realizadas no 2016 e 2015 para festexar o Día dos Océanos, na praia de Esteiro (Mañón) e en Xilloi ( O Vicedo).

A xornada foi deseñada pola xente de Nordés (entre eles Antonio Martínez Pernas, Técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais)  e pensada para realizar no Refuxio de Ponte Segade (Mañón). Alí, dividiranse ás nenas e nenos en 3 actividades simultáneas polas que irán pasando de cada pouco. Na primeira e segunda estación atoparán actividades relacionadas co Proxecto Ríos:

  • Análise do río a través das augas e  catalogación dos macroinvertebrados (bioindicadores) presentes nelas, guiados en todo momento por persoal de ADEGA, e

  • Paseo pola beira do río Sor, para visualizar a rica fauna e flora da zona, avaliar o monte da ribeira para o informe do Proxecto Ríos e recoller flora para a realización dun pequeno herbario.

  • Na terceira estación realizarán refuxios para morcegos e hoteis de insectos, acompañados por expertos, para fomentar a biodiversidade do entorno do río.

     

    SUBIR 3

    Ambos colexios durante o “Día dos Océanos” (2016) no areal de Esteiro (Mañón)

Fai unha semana ADEGA ofrecéunos traer para a Casa da Cultura do Vicedo a exposición “Unha invasión silenciosa”  adicada ao problemas das especies invasoras en Galicia. Se aínda non pasáchedes por alí, aínda tedes ata o venres 9 de xuño para visitala, en horario de mañá e tarde. Non dubidedes!

18815453_809087095916791_198976307489547765_o

Exposición na sala da Casa da Cultura do Vicedo – piso 0.

Se eres socia/socio de Nordés e queres participar como voluntaria/o, ponte en contacto con nós!

 

 

Viaxa con Nordés

LUGO DEFINITIVO MODIF. 2

A asociación decidiu fai un tempo realizar viaxes fóra da nosa zona para coñecer o patrimonio natural e histórico doutras. A primeira opción elexida foi a cidade de Lugo, cunha historia de dous mil anos que presenciou a Muralla, declarada no ano 2000 como Monumento Patrimonio da Humanidade. Nordés e os seus acompañantes xa a percorreron cun experto no mes de novembro e agora será testigo da volta da asociación, para completar o percorrido e os nosos coñecementos. Quen dixo que segundas partes nunca foran boas?

14991284_693825530776282_1498344296142398023_o

O grupo de viaxeiros escoitando ao experto durante o paseo pola Muralla de Lugo.

O sábado 22 de abril, Nordés voltará a Lugo con aquelas persoas que desexen coñecer en profundidade o Museo Provincial, un espazo que alberga: mobles e utensilios tradicionais, maquetas de construccións típicas galegas, aras votivas romanas, reloxos de sol, exemplos de arte sacra e ouvería antiga, materiais arqueolóxicos da provincia prehistóricos e romanos, así como un gran exemplo de arte galega moderna e contemporánea (Maruja Mallo, Puchades, Xulia Minguillón, etc.). Para saber máis premer aquí.

Logo achegarémonos á Catedral de Santa María, construída entre o século XII e XIII por iso podemos atopar entremezclados nela o estilo románico, gótico,barroco, renacentista e neoclásico. Din que a parte máis importante dela é a Porta Norte,  un pórtico realizado sobre o ano 1500 onde podemos atopar unha imaxe da Santa Cena e dun Cristo lendo, imaxe esta do século XIII. A catedral tamén alberga o Museo Diocesano.

O xantar en Lugo, programado para as 14:30h., estará composto por calamares, empanada, croquetas, tortilla, pulpo á feira, raxo, táboa de embutidos, postre, café e chupito.

Dende alí desprazarémonos cara un castro característico e exemplar da cultura  do Noroeste para camiñar entre foxos e murallas para chegar a acrópole do Castro de Viladonga. Este espazo estivo habitado sobre todo entre o séxulo II e o V despois de Cristo polo que é un exemplo perfecto para “coñecer, estudar e comprender o mundo dos castros e do mundo rural na etapa galaico-romana”, tal e como din na páxina oficial. O espazo do castro atópase estructurado hoxe en día en “barrios”, aos cales se lles atribuen diferentes características e funcións.

Cando o castro comezaba a destacar na paisaxe da Terra Chá, o Miño xa era coñecido e cruzado dende séculos antes.  Achegarémonos aos “berces” deste río, marca da identidade galega: no concello da Pastoriza, a Lagoa de Fonmiñá e, no concello de Meira, o Pedregal de Irimia. Tanto un como o outro lugar foron inspiración de mitos, contos e poemas; nunca sen deixar de lado a controversia que os rodeaba sobre o verdadeiro inicio do río galego. Aínda que hoxe en día xa sabemos que nace no Concello de Meira.

“Cando chegaron os monxes a Meira vivía por alí unha vella meiga (maga) chamada Irimia que se negou a pagar os tributos. Os frades, entón, decidiron expropiala pois tiña propiedades moi apetecibles, abundantes en fontes para dar de beber ao gando. A meiga, en vinganza, decidiu cortarlles o abastecemento de auga facendo medrar grandes pedras ata agachar as fontes; e xurou que nunca poderían beber “destas augas de meu” (ou sexa, “miñas”, e de aí “Miño”?). E así quedou aquel lugar, coas pedras disimulando as fontes que fan do Miño un río máxico desde o seu nacemento.”

Lenda achegada por M. Corbelle a Galicia encantada

Tras este paseo e se o tempo e o percorrido o permiten, pararemos no Mosteiro de Santa María de Meira, fundado no século XII pola orden do Císter, aínda que é probábel que funcionase nese lugar unha casa benedictina xa no século X. O Mosteiro foi entregado en estado ruinoso ao concello no 1845 e da súa restauración pódese visitar a igrexa e algunhas dependencias anexas. (Para saber máis: aquí)

O horario estimado de volta cara O Vicedo e O Barqueiro é ás 20:00h.

Se vos interesa a nosa viaxe, tanto para viaxar sós ou en familia, o prezo  é de 20€/persoa para socios e de 25€/persoa para non socios, neles inclúense o desprazamento e o xantar.

Realizaremos a inscrición en orde temporal de chamada ou mensaxe a: 653756474 (Ricardo), asociacion.nordes@gmail.com ou a www.facebook.com/nordesfaladora.

Agardámosvos!

Xornadas forestais

XORNADAS FORESTAIS DEFINITIVIO 10.3

A data aproximada de chegada do eucalipto a Galicia é o 1850, cando se pensa que xa existía unha plantación na parroquia de Santa Marta de Ortigueira. A orixe das sementes é descoñecida pero desbota, por tanto, a teoría que  respaldaba que as primeiras foran enviadas dende Australia polo Frai Rosendo Salvado. A realidade é que o frai benedictino enviou sementes do xénero Eucalyptus pero dunha especie diferente á que xa se atopaba no territorio(1).

A chegada destas especies foi documentada tamén noutros lugares de Galicia  como  Pontevedra no 1865 e Ribeiras do Sor no ano 1867, introducido polos Maciñeira. Cara o 1880 plántase en Viveiro “o avó” na zona de Chavín, coñecido hoxe en día como o eucalipto máis alto de toda Europa. Neste lugar en concreto é posíbel que a plantación fora dedicada a drenar a zona que se atopaba entre o río e unha fábrica textil (2).

Vemos, entón, un manexo utilitario da introducción deste xénero en impedir futuras inundacións do terreo. Seica tamén puido ter o mero valor ornamental dunha árbore exótica. Unha realidade que une o devir do eucalipto cos pazos galegos, é dicir, coas familias máis ricas. O certo é que dende aquel momento ata a actualidade a súa historia vai decorrer cara o aproveitamento dunha árbore con propiedades curativas, a súa madeira para diferentes usos e a producción de celulosa, impulsada polas políticas franquistas de reforestación con coníferas.

A instalación de celulosas en Pontevedra e Navia nos anos 60 fixo que se producise un “boom” na plantación de eucalipto, que mesmo chegou a subvencionarse nos anos 90 (3). A rentabilidade económica foi o factor decisivo á hora de plantalos en leiras e prados que deixaron de usarse como tal por diversos motivos: migración da poboación cara a núcleos urbanos, baixa rentabilidade do mundo agrícola e gandeiro, a xubilación de productores, etc.

A plantación do xénero Eucalyptus en Galicia e España ten os seus defensores e os seus detractores. A polémica chega ata os nosos días e para demostralo non hai máis que leer os xornais (4) e ver iniciativas como “Stop eucalipto, avante carballo!” (5).

Xa Castelao no 1927 dicía que a paisaxe de Galicia estaba desnaturalizada, unha afirmación que hoxe en día semella máis que evidente na nosa zona. Por iso queremos convidar á xente de Ferrol, Eume, Ortegal e A Mariña ás “Xornadas forestais” de Nordés.

O sábado 18 de marzo, a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura do Vicedo contaremos cos seguintes expertos e profesionais para  que nos falen dos usos do monte e do seu aproveitamento máis aló do eucalipto:

Xosé Albeiros, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), presentará o proxecto “Cousa de Raíces“. Unha campaña que naceu no 2014 dende ADEGA e que conta coa participación de máis de 50 entidades pola defensa do bosque autóctono galego a través do seu coñecemento e posta en valor. Desta maneira a charla falará doutros aproveitamentos e das alternativas ao eucalipto, valorando tamén a lexislación vixente.

Logo dunha pausa, contaremos coa experiencia de Fran Domínguez, resineiro de Loiba, que se gaña a vida cun uso alternativo dos nosos bosques.

E para rematar, Sergio París, Enxeñeiro Técnico Forestal, falaranos dos usos do monte galego e dos servizos que pode prestar á cidadanía galega. Tamén do impacto do monocultivo de eucalipto no noso país.

Achegádevos ao mundo da silvicultura con Nordés!

______________________________

Bibliografía:
(1)Quian, A. “Así chegou o eucalipto a Galicia, arredor de 1850” En Galicia Confidencial, 5 de xaneiro de 2017:  http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/45106-chegou-eucalipto-galicia-arredor-1850
(2)(3)”El eucalipto y su conquista del Noroeste (1)” En  Galicia Agraria, 8 de outubro de 2011: http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2011/10/el-eucalipto-y-su-conquista-del.html
(4)Beramendi,M. “Medio Rural prohibirá plantar eucaliptos en zonas de Galicia” En La Voz de Galicia, 14 de xaneiro de 2017: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2017/01/14/medio-rural-prohibira-plantar-eucaliptos-zonas-galicia/0003_201701G14P35991.htm
(5) “Hai un fervedoiro de xente á espera de organizarse para dar unha resposta á eucaliptización” En Praza Pública, 15 de marzo de 2017: http://praza.gal/movementos-sociais/13840/hai-un-fervedoiro-de-xente-a-espera-de-organizarse-para-dar-unha-resposta-a-eucaliptizacion/
“Manifesto STOP EUCALIPTO… AVANTE CARBALLO!” En Grupo Naturalista Hábitat, decembro 2015: http://gnhabitat.blogspot.com.es/2016/02/manifesto-stop-eucalipto-avante-carballo.html

 

 

 

Sinopse da “Toponimia do Nordés”

Nordés contou coa colaboración de Xosé Luis González o pasado sábado 11 de febreiro para falar sobre a toponimia do Nordés.

16587154_749674785191356_2005863943097887786_o

No Salón de Actos do Concello de Mañón, Xosé L. González á esquerda na mesa, no centro Bernardo Penabade e na dereita da mesa, María Jesús Armada.

Para abrir o acto contamos con Bernardo Penabade -filólogo e profesor no IES Perdouro de Burela- quen presentou á mestra María Jesús Armada como nova Presidenta de Nordés para logo continuar a falar sobre o noso convidado.

Xosé L. González comezou o acto remarcando a riqueza non material da cultura galega, neste caso a dos topónimos: entre 2 e 4 millóns de referencias só no noso país, máis que en todo Portugal, o que supón ao arredor dun 40% do total de España.

Durante toda a súa intervención, Xosé remarcou que se están a perder estes topónimos pola falta de uso xa que os lugares deixaron de ser útiles, por exemplo, nun período onde a agricultura ten un peso menor. Tamén aproveitou a ocasión para animar aos presentes a recolleitar nomes para evitar que se perdan no tempo.

Cando se fala de topónimos tamén hai que ter en conta aqueles relacionados co mar, moi abundantes pero que teñen unha menor presenza nesta charla. De tódolos xeitos, en xeral, os nomes dos lugares poden semellar que teñen un significado moi alonxado do real. Este só aparecerá tras aprender a técnica específica para o estudo da toponimia, onde os estudos lingüísticos son tan importantes coma os históricos, tendo que manexar documentos antigos para contrastar a información da tradición oral, por exemplo.

Nesa documentación antiga aparecen nomes da bisbarra como -en 1488: San Panteón, San Payo de Riobarba, San Romaao do Vale, Santa Maria de Maanon, Sayoan de Loyba, Santa María de Soueros ou Santa María de Vares.

O primeiro dos nomes elexidos para explicar a súa orixe foi Riobarba: con raíz indoeuropea. O significado de “barba” garda relación con “ferver, bulir”. Polo que se deixa ver que existía unha corrente de auga, un río. Máis tarde, no 1488 o nome aparece “fosilizado” o que quere decir que “barba” perdera xa o seu significado común indoeuropeo.

16716121_749675231857978_420887838713711804_o

Público no acto “A Toponimia do Nordés” no Concello de Mañón (O Barqueiro)

Durante unha hora adicouse a explicar diferentes nomes elexidos para a ocasión como Mañón, Bares, Punta do Preguntoiro, O Manxofrío, As Grañas, As Viñas, O Bazalar, A Devesa, A Pallaza, O Coído da Atalaia, A Pena da Vela, O Facho. Estes últimos están relacionados coa etnografía. Outros nomes relaciónanse con ruínas: Mamuelas, Os Muimentos, O Marco, O Sartego. Por outro lado, aqueles emparellados coa orografía: Chelo, A Forqueta, A Ínsua, Valdesuso,  A Congostra, O Viso. Outros que teñen que ver con nomes de donos medievais dos lugares, fitotopónimos e algúns apelidos con posíbel orixe en Mañón e O Vicedo.

Para saber a orixe e evolución dos anteriores nomes, convidámosvos a achegarvos a cada blog que Xosé L. González creou na Rede: por exemplo, “A Pena da Cataverna”.

Tamén podedes escoitar a charla a continuación e ver as diapositivas que mostrou ao público no Barqueiro picando aquí: toponimia-do-nordes.

Moitas grazas aos nosos convidados e aos asistentes, entre todos fixéchedes que esta actividade fose un éxito.

Ata a próxima!


Máis fotografías aquí , no Facebook de Nordés.