Da xustiza e do social, Secundino

(Texto íntegro de Luis Real, lido por Sara B. González Rivera  na Ponte do Barqueiro o día 21 de agosto de 2015)

5622_218290074996499_178987719_nLuis Real, autor deste texto, na I Homenaxe a Republicanos e Libertarios no ano 2013

Nestes últimos días coñeceuse a nova de que, por fin e aínda que a título póstumo, o Concello de Mañón ía poñerlle a unha rúa o nome de Secundino Rivera.

O Barqueiro, berce do noso pintor máis universal, que xa tiña unha rúa nun pobo de Madrid -Olmeda de las Fuentes- recoñecerá deste xeito a súa obra e traxectoria, intensamente marcada por feitos pasados na súa nenez.

Non podemos esquecer que Secundino Rivera era fillo de José Rivera Vieiros, carpinteiro e promotor do sindicato da Industria Pesqueira da CNT neste pobo, que participou e foi ferido no intercambio de disparos producido no Barqueiro en xullo do 36 e que foi fusilado en Ferrol o 17 de abril de 1937.

Secundino  tampouco o esqueceu. El mesmo dicía nun dos seus poemas:

Así que sin nuestro padre,

José Rivera,

quien fuera fusilado cuando yo contaba sólo cinco años,

la vida era poco menos que imposible.

 

Mi padre dejó un vacío que ha persistido siempre. 

O que se se lle poña agora o nome de Secundino Rivera a unha rúa non é, polo menos para quen isto escribe, un acto de xustiza divina -na que non creo por ser ateo- nin de xustiza institucional -na que tampouco creo como ser humano que son- senón de xustiza social, a única que anhelo como libertario.

Faise xustiza ao pintor polo seu traballo. Faise xustiza ao veciño por levar o nome do Barqueiro polo mundo adiante. Faise xustiza ao fillo do represaliado por vencer os atrancos que lle puxeron para lograr ser alguén. Faise xustiza aos seus irmáns xa falecidos, José e Claudio, e ao resto da súa familia.

SRIVERA1Secundino Rivera, pintor, escultor, poeta. O artista nunha foto de arquivo da fonte: http://daleunamano.org.ve/artistas/secundino-rivera/

Para nós é un paso máis. O nome de Secundino Rivera nunha placa dunha rúa deste concello dános folgos para seguir esixindo -igual que facíamos por ese recoñecemento ao noso veciño- que neste mesmo lugar, a carón deste monolito, figuren canto antes todos os nomes. Os nomes de todos aqueles que, como foi o caso de José Rivera Vieiros, pai de Secundino Rivera, foron asasinados do e no Concello de Mañón polas autoridades franquistas.

Queremos todos os nomes, e querémolos xa!

Moitas grazas

Luís Real

Luís Real (O Barqueiro, 1970), licenciado en Historia pola UNED, é integrante da Asociación Nordés, impulsor das xornadas Memoria dun Tempo no 2011 e un dos organizadores das seguintes edicións.

——————————-

A exposición/homenaxe de Secundino Rivera, organizada polo Concello de Mañón, estará aberta durante o venres 4, sábado 5 e domingo 6 de setembro no Salón de actos do mesmo, no Barqueiro, na Praza do Mesón. Alí poderán falar coa súa compañeira, María Ruíz de Rivera.

Horario: venres 4, de 17:00 a 20:00 horas; sábado 5 e domingo 6, das 12:00 ás 13:30 horas, de mañá, e das 19:00 ás 20:30 horas, de tarde.

Achegádevos!

Advertisements