Para coidar o futuro, Memoria

(Texto de Manoel Ucha Díaz sobre as V Xornadas Memoria dun Tempo)

Nueva imagen 4Na igrexa de Ambos Sores, o autor do texto na marxe esquerda da fotografía escoitando a Bernardo Penabade -na marxe dereita-, durante o roteiro do sábado 22 de agosto de 2015 para coñecer as circunstancias do chamado “O crime de Ambosores”

Plasmar sobre papel sensacións e sentimentos non é tarefa doada, tampouco é sinxelo o labor da xente, boa e xenerosa, do colectivo NORDÉS, para levar a memoria ao lugar que lle corresponde.

Falar de memoria é sempre emocionante, mais cando se fai co agarimo, a xenerosidade e a dignidade  coa que NORDÉS transmite, convértese en especial. Recordar dende o respecto aos sentimentos encontrados de veciños e veciñas, coñecemento e investigación exhaustiva dos feitos destaca nunha sociedade egocéntrica que nada debe ou nada pensa que se debe ás loitadoras do pasado.

Non son persoa fácil de emocionar, mais o día que pasei rodeado da xente da Faladora non será sinxelo de esquecer, simplemente pola súa esencia e tenrura, por sentimentos que me abraiaron, escoitando e descubrindo historias, sintetizando dende uns feitos individuais, con nome e apelidos nalgúns casos, o que a tormentosa ditadura falanxista supuxo para aquela sociedade e como poder debuxar nunha liña continúa no tempo a súa influencia no presente. A memoria, non é outra cousa que coidar o futuro.

Nunha sociedade cruel, botarate e hipócrita, onde o valor das cousas importa máis que o valor dos sentimentos, parece incrible atopar un raio de ilusión compartida por mudalo todo, mais ese cambio non será tal se non buscamos a orixe do seu problema, investigamos e reivindicamos a vida (ou a morte) de cada persoa loitadora pola democracia, pola liberdade e polos dereitos universais. Nese mesmo intre poderemos comezar a construír un lugar mellor. Sen memoria, nada serve.

Ben valeu a pena os máis de douscentos sesenta quilómetros, as tres horas, inhóspitas estradas e máis curvas das necesarias que nos separan dende as “Terras do Condado” ata as “Terras da Faladora”, co desexo de gozar, como case sempre coa miña compañeira de viaxe, dun lugar fermoso, de agradábeis reencontros e coñecer as Xornadas sobre a Memoria dun Tempo.

Da organizadora, a Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora NORDÉS, algo coñecía, de oídas e de lectura. Aínda sendo socio por empatía, o contacto do que contaba era, un contacto frío, a través da pantalla do meu ordenador, seguidor nas redes sociais, mais iso que parecía suficiente, non o era. Coñecín a súa xenerosidade, a súa ledicia e o seu traballo, e agora só lles quero agradecer a iniciativa e alentalos a continuar, que nos momentos de fraqueza recorden, que sen a súa dedicación e o seu amor pola verdadeira xustiza, a memoria, o mundo sería un cachiño peor.

Soamente unha última cousa: Graciñas!

“Hai que recuperar, manter e transmitir a memoria histórica, porque empézase polo esquecemento e termínase pola indiferenza” José Saramago.

Manoel UD

Manoel Ucha Díaz (Ponteareas, 1990) é enxeñeiro técnico forestal pola Universidade de Vigo, con curso Erasmus na República Checa. Logo de traballar para a citada universidade, realizou o Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obligatoria e Bacharelato.

Advertisements