Outro día calquera?

(Texto de Marco Pereira Oliveira sobre as Xornadas Memoria dun tempo)

marco-oliveira

No centro da imaxe, Marco Pereira (estudante e presentador do programa de radio “Grandes Voces do Noso Mundo en Radio Burela) acompañado de Leticia Breijo (socia activa de Nordés) logo de depositar flores no monolito da Ponte Vella do Barqueiro.

 

O 27 de agosto, como outro día calquera, levanteime e fixen moi rapidamente todas esas cousas que facemos todas as mañás. Tiña inmensa alegría xa que ía asistir a un acto moi importante. Ese evento era -nada mais e nada menos- unha das Xornadas da Memoria, que se celebra nas beiras do río Sor, concretamente na ponte do Barqueiro.
Nese acto lembrámonos das vítimas que deixou a guerra Civil española. En moitos casos, as familias aínda non saben dos seus familiares. Este é o caso de Hilda Farfante, unha muller de 85 anos, que foi mestra, orfa de pai e nai fusilados. Tiven a sorte de falar persoalmente con Hilda e de saber que foi gañadora dun premio Goya. Emocionoume escoitala contar a súa historia entre bágoas.
Escoitei con moita atención as palabras de María Xesús Armada Castaño, de Matías Escalera e de dúas persoas que leron un poema en conxunto. Só sei que eran dúas persoas do público, totalmente descoñecidas. O home era un ferroviario asturiano; da muller non sei nada, só que recitaba moi ben.
Antes das intervencións e por entre elas, o cantautor Andrés Fernández -do Carballiño- interpretounos diversos temas musicais. O que máis me chamou a atención foi o último: o “canto á liberdade” de José Antonio Labordeta.


Habrá un día entre todos
que al levantar la vista
veremos una tierra
que ponga libertad.


Todo iso foi pola mañá. Á noite, aínda retornamos ao Barqueiro, desta vez para asistir a un concerto de Miro Casavella. Mais diso falarei noutra entrada.

Marco Pereira (A Regueira, Xove, 1993) é estudante do Ciclo Superior de Administración e Finanzas no Instituto Perdouro de Burela. O seu camiño radiofónico comezou en Radio Valadouro e prosegue en Radio Burela, onde presenta xunta Elena Valle o programa “Grandes Voces do Noso Mundo”. Ambos forman parte dun equipo do que tedes toda a información aquí.

Advertisements