Viaxe ao Nordés

(Texto de Saínza González Boente sobre as V Xornadas Memoria dun Tempo)

SaínzaA autora do texto na Igrexa de Ambosores durante a explicación que levaban a cabo Bernardo Penabade, mestre no IES Perdouro de Burela, e o señor Lino Pena,  sacristán da igrexa, durante a celebración do roteiro didáctico “O Crime de Ambosores”, o sábado 22 de agosto.

Aqueles que non recordan a súa Historia, están condenados a repetila.

George Santayana

As V Xornadas Memoria dun Tempo, organizadas por Nordés, son as primeiras ás que asistín na miña corta vida, mais seguro que non serán as últimas. Nesta ocasión, só foi posible asistir a unha xornada, polo que o meu relato versa exclusivamente sobre o sábado. O longo camiño que emprendemos dende Ponteareas tivo a súa   recompensa. A proximidade e o entusiasmo co que os integrantes da asociación da Faladora transmiten a súa mensaxe é conmovedora e apaixoante, e lévate a sentir envexa da poboación desta xeografía  que  ten  a sorte  de  contar  cunhas  persoas tan comprometidas coa súa realidade.

Atopámonos cun tema díficil. A memoria non é querida por todas as partes. A sinxela predisposición de recordar remove vellas feridas que, triste e vergonzosamente, non están pechadas. Aínda agora son moitos os que insisten en manter os medos que conduciron anos atrás, ao silencio. As persoas que viviron nun clima constante de violencia continúan  receosas das repercusións.  Neste  clima  de escurantismo, é loable o labor desenvolvido por organizacións como Nordés. E a súa forma de traballar, en baixiño e sen causar  molestia,  cercana ao espectador,  é  admirable.  Sen  memoria,  non saberiamos quen somos.  Sen  memoria  non  entenderiamos por  que somos.  Sen o recordo da memoria non podemos construír un mellor futuro. Nos tempos que vivimos, a práctica da mesma é fundamental, e polo tanto, a existencia de asociacións deste tipo tamén.

A  forma  empregada  para  transmitir  a  mensaxe  paréceme  a máis  correcta. Achegando á persoa interesada ao lugar dos feitos e contando coa presenza das testemuñas vivas, fundamentais no exercicio memorístico. O roteiro foi exemplo da proximidade e o cariño co que se contan estas pequenas historias da Historia. E sen esquecermos a reivindicación do papel das mulleres na resistencia antifranquista de Galicia, unha comunidade que habitualmente se entende como pasiva, pero que en realidade non o foi. A introdución da perspectiva de xénero é case obrigada na sociedade case deshumanizada de hoxe. Día a día asistimos á violencia machista que non se materializa unicamente nos asasinatos, senón tamén na eliminación das reivindicacións. E nesta coxuntura non debemos deixar de ensinar que as mulleres nin fomos invisibles no pasado, nin o somos no presente, e grazas a isto, non o seremos no futuro. Polo tanto, felicito a aquelas persoas que decidiron incoporar a figura da muller loitadora nas súas actividades.

Nada máis, NORABOA! polo enorme traballo que realizastes, e realizades diariamente, para o desenvolvemento das Terras da Faladora. Grazas por axudar a crear unha sociedade máis xusta, pois sen o recordo do pasado estariamos hipotecando o futuro. Que continúe o traballo.

Ponteareas,setembro de 2015

Saínza G. Boente

Nueva imagen 1A autora do texto – situada no límite esquerdo da fotografía- escoitando, con outros participantes, as explicacións de Bernardo Penabade -no centro da imaxe- sobre o roteiro  do “Crime de Ambosores”, xusto no camiño cara o lugar da Ribeira.

Saínza González Boente (Xinzo-Ponteareas, 1992) é graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e futura mestra, contando co Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obligatoria e Bacharelato.