As sombras da Historia abraiadas pola luz da realidade

(Texto de Sara B. González Rivera sobre as Xornadas Memoria dun Tempo)

sara 2A autora deste texto (filóloga e familiar de represaliados do Barqueiro), á dereita, lendo as palabras que  Luis Real (historiador e organizador do evento) enviou dende as Canarias falando de Secundino Rivera para a súa lectura durante a Homenaxe na Ponte Vella do Barqueiro o 21 de agosto de 2015. Ao seu lado, Bernardo Penabade (profesor no Instituto IES Perdouro de Burela) e María Xesús Armada (mestra e neta do asasinado alcalde republicano do Barqueiro)

De cativa pensaba que o das guerras eran cousas de antes, cousas que só pasaban noutros tempos que daquela para min quedaban moi lonxe. Cando vas medrando rodeada destas historias que viviron os nosos maiores -na Guerra Civil, na Segunda Guerra Mundial …- dáste conta de que son cousas que aconteceron onte, e poderían ocorrer en calquera momento da historia. Por iso é importante recordalas e aprender delas.

A estas historias impúxoselles a calidade de discretas. Quedaron restrinxidas a contos de lareira, non as deixaron saír á rúa, foron vítimas do silencio. Estas xornadas Memoria dun Tempo, organizadas pola asociación Nordés, permitiron sacar á luz do sol o que permaneceu moito tempo entre luces e sombras a carón do lume da lareira, engaiolado entre catro paredes. Despois de tanto silencio, por fin fálase en alta voz do que aconteceu, iso que só se atopaba ata hai pouco tempo nos lugares máis recónditos, compartidos por familiares e achegados.

Creo que é moi importante conservar a memoria histórica -e con ela o ensino que nos transmite- e non ocultala nas sombras dos recunchos. Para min foi un privilexio poder escoitar nestas xornadas tantos historiadores especialistas nos temas da Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial. Ademais, todos e todas coincidiron en afastarse dos datos históricos máis fríos, para dar paso á narración de vivencias persoais ou relatos de segunda ou terceira man, historias familiares, pero, ao fin, relatos reais que saíron daquela penumbra a que estaban sometidos. Grazas a este tipo de iniciativas como a de Nordés, emerxeron ao exterior para alcanzar todos os miolos que estean abertos a escoitar.

Por fin, no terceiro ano das xornadas saíu en Nordés a brillante iniciativa da homenaxe aos republicanos e libertarios tendo a música e poemas como protagonistas na honra de toda esa xente cuxo recordo querían enterrar.

Gústame que poda participar todo o mundo. Por exemplo: nunha das homenaxes, eu lin un poema escrito polo meu tío Secundino Rivera, un escrito que fala sobre a súa dura infancia, vivida sen o seu pai, que fora fusilado no 37.

Son momentos moi emotivos os que se viven esa tarde na ponte vella do Barqueiro.

Como resultado do duro traballo de Nordés, xurdiron unhas xornadas moi interesantes nas que cada ano se foi engadindo algunha novidade. Esta quinta edición pareceume especialmente interesante porque se falou do papel da muller na guerrilla antifranquista, algo que ás veces se esquece; se cadra, o que menos se coñece desta parte da historia.

Os tres días de enriquecemento cultural con conferencias e relatos persoais, o roteiro didáctico -un pequeno percorrido a pé levando como acompañantes interesantes historias-, a homenaxe na ponte vella e as comidas, que brindan a oportunidade de coñecer máis os participantes e asistentes ás xornadas e de afondar máis nos temas tratados, fanme agardar con ansia a Memoria dun Tempo do ano seguinte.

Para os novos coma min, é moi importante que se nos conte o que pasou. No futuro nós teremos que seguir transmitindo esta información tan importante.

Sara B. González Rivera

Sara B. Rivera (O Barqueiro, 1991) é graduada en Filoloxía castelá pola Universidade da Coruña cun curso Erasmus en Szeged (Hungría) e outro Sicue en Sevilla.  Durante a etapa dos estudos superiores foi voluntaria en diferentes organizacións españolas i estranxeiras. Recentemente estivo en Romanía, onde formaba parte de diferentes proxectos relacionados co exercicio da docencia ou co traballo nunha organización de persoas con discapacidade.

Advertisements