Viaxa con Nordés

LUGO DEFINITIVO MODIF. 2

A asociación decidiu fai un tempo realizar viaxes fóra da nosa zona para coñecer o patrimonio natural e histórico doutras. A primeira opción elexida foi a cidade de Lugo, cunha historia de dous mil anos que presenciou a Muralla, declarada no ano 2000 como Monumento Patrimonio da Humanidade. Nordés e os seus acompañantes xa a percorreron cun experto no mes de novembro e agora será testigo da volta da asociación, para completar o percorrido e os nosos coñecementos. Quen dixo que segundas partes nunca foran boas?

14991284_693825530776282_1498344296142398023_o

O grupo de viaxeiros escoitando ao experto durante o paseo pola Muralla de Lugo.

O sábado 22 de abril, Nordés voltará a Lugo con aquelas persoas que desexen coñecer en profundidade o Museo Provincial, un espazo que alberga: mobles e utensilios tradicionais, maquetas de construccións típicas galegas, aras votivas romanas, reloxos de sol, exemplos de arte sacra e ouvería antiga, materiais arqueolóxicos da provincia prehistóricos e romanos, así como un gran exemplo de arte galega moderna e contemporánea (Maruja Mallo, Puchades, Xulia Minguillón, etc.). Para saber máis premer aquí.

Logo achegarémonos á Catedral de Santa María, construída entre o século XII e XIII por iso podemos atopar entremezclados nela o estilo románico, gótico,barroco, renacentista e neoclásico. Din que a parte máis importante dela é a Porta Norte,  un pórtico realizado sobre o ano 1500 onde podemos atopar unha imaxe da Santa Cena e dun Cristo lendo, imaxe esta do século XIII. A catedral tamén alberga o Museo Diocesano.

O xantar en Lugo, programado para as 14:30h., estará composto por calamares, empanada, croquetas, tortilla, pulpo á feira, raxo, táboa de embutidos, postre, café e chupito.

Dende alí desprazarémonos cara un castro característico e exemplar da cultura  do Noroeste para camiñar entre foxos e murallas para chegar a acrópole do Castro de Viladonga. Este espazo estivo habitado sobre todo entre o séxulo II e o V despois de Cristo polo que é un exemplo perfecto para “coñecer, estudar e comprender o mundo dos castros e do mundo rural na etapa galaico-romana”, tal e como din na páxina oficial. O espazo do castro atópase estructurado hoxe en día en “barrios”, aos cales se lles atribuen diferentes características e funcións.

Cando o castro comezaba a destacar na paisaxe da Terra Chá, o Miño xa era coñecido e cruzado dende séculos antes.  Achegarémonos aos “berces” deste río, marca da identidade galega: no concello da Pastoriza, a Lagoa de Fonmiñá e, no concello de Meira, o Pedregal de Irimia. Tanto un como o outro lugar foron inspiración de mitos, contos e poemas; nunca sen deixar de lado a controversia que os rodeaba sobre o verdadeiro inicio do río galego. Aínda que hoxe en día xa sabemos que nace no Concello de Meira.

“Cando chegaron os monxes a Meira vivía por alí unha vella meiga (maga) chamada Irimia que se negou a pagar os tributos. Os frades, entón, decidiron expropiala pois tiña propiedades moi apetecibles, abundantes en fontes para dar de beber ao gando. A meiga, en vinganza, decidiu cortarlles o abastecemento de auga facendo medrar grandes pedras ata agachar as fontes; e xurou que nunca poderían beber “destas augas de meu” (ou sexa, “miñas”, e de aí “Miño”?). E así quedou aquel lugar, coas pedras disimulando as fontes que fan do Miño un río máxico desde o seu nacemento.”

Lenda achegada por M. Corbelle a Galicia encantada

Tras este paseo e se o tempo e o percorrido o permiten, pararemos no Mosteiro de Santa María de Meira, fundado no século XII pola orden do Císter, aínda que é probábel que funcionase nese lugar unha casa benedictina xa no século X. O Mosteiro foi entregado en estado ruinoso ao concello no 1845 e da súa restauración pódese visitar a igrexa e algunhas dependencias anexas. (Para saber máis: aquí)

O horario estimado de volta cara O Vicedo e O Barqueiro é ás 20:00h.

Se vos interesa a nosa viaxe, tanto para viaxar sós ou en familia, o prezo  é de 20€/persoa para socios e de 25€/persoa para non socios, neles inclúense o desprazamento e o xantar.

Realizaremos a inscrición en orde temporal de chamada ou mensaxe a: 653756474 (Ricardo), asociacion.nordes@gmail.com ou a www.facebook.com/nordesfaladora.

Agardámosvos!

Sinopse da “Toponimia do Nordés”

Nordés contou coa colaboración de Xosé Luis González o pasado sábado 11 de febreiro para falar sobre a toponimia do Nordés.

16587154_749674785191356_2005863943097887786_o

No Salón de Actos do Concello de Mañón, Xosé L. González á esquerda na mesa, no centro Bernardo Penabade e na dereita da mesa, María Jesús Armada.

Para abrir o acto contamos con Bernardo Penabade -filólogo e profesor no IES Perdouro de Burela- quen presentou á mestra María Jesús Armada como nova Presidenta de Nordés para logo continuar a falar sobre o noso convidado.

Xosé L. González comezou o acto remarcando a riqueza non material da cultura galega, neste caso a dos topónimos: entre 2 e 4 millóns de referencias só no noso país, máis que en todo Portugal, o que supón ao arredor dun 40% do total de España.

Durante toda a súa intervención, Xosé remarcou que se están a perder estes topónimos pola falta de uso xa que os lugares deixaron de ser útiles, por exemplo, nun período onde a agricultura ten un peso menor. Tamén aproveitou a ocasión para animar aos presentes a recolleitar nomes para evitar que se perdan no tempo.

Cando se fala de topónimos tamén hai que ter en conta aqueles relacionados co mar, moi abundantes pero que teñen unha menor presenza nesta charla. De tódolos xeitos, en xeral, os nomes dos lugares poden semellar que teñen un significado moi alonxado do real. Este só aparecerá tras aprender a técnica específica para o estudo da toponimia, onde os estudos lingüísticos son tan importantes coma os históricos, tendo que manexar documentos antigos para contrastar a información da tradición oral, por exemplo.

Nesa documentación antiga aparecen nomes da bisbarra como -en 1488: San Panteón, San Payo de Riobarba, San Romaao do Vale, Santa Maria de Maanon, Sayoan de Loyba, Santa María de Soueros ou Santa María de Vares.

O primeiro dos nomes elexidos para explicar a súa orixe foi Riobarba: con raíz indoeuropea. O significado de “barba” garda relación con “ferver, bulir”. Polo que se deixa ver que existía unha corrente de auga, un río. Máis tarde, no 1488 o nome aparece “fosilizado” o que quere decir que “barba” perdera xa o seu significado común indoeuropeo.

16716121_749675231857978_420887838713711804_o

Público no acto “A Toponimia do Nordés” no Concello de Mañón (O Barqueiro)

Durante unha hora adicouse a explicar diferentes nomes elexidos para a ocasión como Mañón, Bares, Punta do Preguntoiro, O Manxofrío, As Grañas, As Viñas, O Bazalar, A Devesa, A Pallaza, O Coído da Atalaia, A Pena da Vela, O Facho. Estes últimos están relacionados coa etnografía. Outros nomes relaciónanse con ruínas: Mamuelas, Os Muimentos, O Marco, O Sartego. Por outro lado, aqueles emparellados coa orografía: Chelo, A Forqueta, A Ínsua, Valdesuso,  A Congostra, O Viso. Outros que teñen que ver con nomes de donos medievais dos lugares, fitotopónimos e algúns apelidos con posíbel orixe en Mañón e O Vicedo.

Para saber a orixe e evolución dos anteriores nomes, convidámosvos a achegarvos a cada blog que Xosé L. González creou na Rede: por exemplo, “A Pena da Cataverna”.

Tamén podedes escoitar a charla a continuación e ver as diapositivas que mostrou ao público no Barqueiro picando aquí: toponimia-do-nordes.

Moitas grazas aos nosos convidados e aos asistentes, entre todos fixéchedes que esta actividade fose un éxito.

Ata a próxima!


Máis fotografías aquí , no Facebook de Nordés.

 

Xosé L. González: entre a industria aeronáutica e a investigación toponímica

O sábado 11 de febreiro ás 20:00 h. no Salón de Actos do Concello de Mañón -no Barqueiro- contaremos coa presenza de Xosé Luis González para falar da orixe e da evolución dos nomes dos lugares da Mariña Lucense e do Ortegal.

a-toponimia-do-nordes

Bernardo Penabade -filólogo e mestre no IES Perdouro de Burela- abrirá o acto cunha presentación do noso convidado mais hoxe achegarémonos a súa vida e afección.

Xosé Luis González naceu en San Roque, na parroquia das Negradas -O Vicedo-, nunha familia de agricultores. San Roque fora chamado antigamente o “Lugar do Pazo”. Un familiar contáralle cando era un neno que o pazo fora propiedade dun virrei das Filipinas na época de Filipe II chamado Gomes  Peres das Mariñas. Xa de maior, logo de comprobar este feito, descubriu que o señor antes de marchar ás Filipinas dera unha festa onde chegaron a servir empanada de congro.

11144962_496643137161190_4516080617738763785_o-1

X. L. González nun acto de Nordés

Xosé escoitou o galego dende pequeno na súa familia. Aos 12 anos, estudando no Vicedo, quedou marabillado coas obras “Longa Noite de Pedra” e “Viaxe ao País dos Ananos”. Celso Emilio Ferreiro achegouno ao galego escrito a través dunha linguaxe rica e natural. Este suceso tivo un especial significado na súa vida: <<pasaba de falar algo sen referencias a unha lingua “seria”>>. Na secundaria , xa na Coruña, aproveitou o acceso á biblioteca onde existía un bo fondo de literatura en galego. Dende alí, marchou a Madrid e convertiuse en enxeñeiro de Telecomunicacións, pola Universidade Politécnica.

Hoxe en día segue na Meseta, adicado á industria aeronáutica, pero conserva o contacto coa comarca natal a través da Rede, onde mantén diversas páxinas de divulgación toponímica.

Contáballe Xosé L. González a Bernardo Penabade que o seu blog “A Pena da Cataverna” é unha páxina xeral de toponimia, onde coloca aqueles artigos máis globais ou que pensa que poden ter máis interese. Alén diso, mantén un blog para cada un dos 13 concellos traballados: Barreiros, Valadouro, Alfoz, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Muras, Xermade, Ourol, Vicedo e Mañón. Outro concello do que aínda non ten un blog propio é Cariño; sobre el realizou un artigo chamado “Apuntes de toponimia de Cariño” publicado na Revista de estudos locais, Terras do Ortegal, nº2 (2015).

Xosé Luis González cubre, a través dos blogs e de xeito exhaustivo, toda a toponimia oficial dos concellos, tanto a “toponimia maior” como a “toponimia menor” ata chegar ao último “tarreo”. Este intenso traballo de investigación e difusión responde a uns obxectivos claros:

1. Poñer en valor a historia e a cultura local a través da toponimia e demostrar que, detrás de nomes de lugares hai unha historia moi antiga e, tal vez, moi interesante, pedente de descubrir e aprezar.

2. Deixar un rexistro das súas notas de toponimia para que nun futuro, se alguén estivese interesado, teña un traballo inicial do cal partir, para correxir e completar.

Sabíades que hai un lugar nas Negradas chamado “Salgueiros”? Sabedes de onde vén? Xose Luis cree que de non anotalo a súa orixe poderíase ter perdido, xa que é un recordo de neno.

“Salgueiros” provén de “Os alugueiros”, xente que tiña alugadas as terras.

3. Gozar da cultura con algo diferente á lectura dun libro ou do xornal.

Quen non pode estar interesado en saber a orixe de nomes tan fermosos como “A Punta do Preguntoiro” ou de nomes tan intrigantes históricamente como “O Mouriscón”, “A Arrufana” e outros nome de aparente orixe mourisca ou árabe, presentes en Mañón e nas Grañas do Sor?

 

Como vedes, o noso convidado para o sábado 11 de febreiro é un bo exemplo de defensor da nosa cultura e do noso patrimonio.

Agardamos que neste “post” atopárades motivos polos que achegarvos ao mundo da toponimia!


Para acceder aos blogs dos concellos só é necesario facer “clic” sobre o seu nome.

 

 

 

 

 

 

 

 

A toponimia do Nordés

a-toponimia-do-nordes

Disque nun tempo non moi lonxano, nun pobo chamado O Barqueiro, había un grupo de música tradicional de nome “Os Barallocos”, pero… ¡Vai ti saber que relación garda co lugar da Baralloca! Este grupo, composto por gaitas, bombo e tamboril percorreron a bisbarra: Xilloi, Folgueiro, Riobarba, As Grañas, Segade, Negradas, Soutomoro, O Picón… E moitos sitios máis, todos eles próximos, pero caracterizados, ao tempo, por unha singularidade que deu nome a “Os Barallocos”: a toponimia, que è coma decir a ciencia que recolle, analiza e estuda os nomes dos lugares xeográficos e a súa orixe.
Por isto, Xose Luis González recolle dende fai anos os nomes dos lugares da zona da Mariña e o Ortegal, deixando a súa pegada na Rede a través dunhas bitácoras que medran e medran sen fin. O sábado 11 de febreiro xiraremos con él a cabeza cara o pasado e veremos a aqueles que “pasaron por estas terras e lles deron nome”.No acto estará o noso compañeiro, profesor e filólogo Bernardo Penabade quen, a partir das 20:00h. no Salón de Actos do Concello de Mañón (O Barqueiro), se encargará de presentar ao noso convidado e o seu traballo.
¡Vós! ¡Xentes que vivides entre o Rego do Bidueiro e a Estaca, de Soutollo ata o Rego do Quiza! ¡Xentes do Nordés! Dende hoxe ata o sábado 11, amosaremos no noso Facebook e no noso blog o motivo polo que paga a pena asistir a esta actividade. É ben verdade que todos podemos achegar nomes de lugares, aínda que vivan agochados entre as silvas… Aínda que semellen perdidos na memoria.