IV Xornadas Micolóxicas

MICOLOXIA 2017 5

Aínda que non o semelle, estamos no outono. E iso significa que xa están aquí as IV Xornadas micolóxicas de Nordés!
O sábado 21 de outubro faremos unha saída ao monte da man do micólogo José Luis Cuba para 25 persoas, dende as 08:00 da mañá ata pasado o mediodía. Por iso recomendamos levar non só os útiles mesmos (cesta, navalla) e roupa e calzado axeitado, senón tamén un bocadillo. Quedaremos ás 08:00h. nun aparcamento situado pasado o cruce da estrada de Grañas do Sor coa de As Pontes. Se sodes socias ou socios esta actividade é de balde. Se non o sodes, só son 5€ por persoa. Si vos apetece só tedes que chamar ao 653756454 ou enviar un e-mail a asociacon.nordes@gmail.com.
Se non vos interesa tanto recoller pero si comer, ou as dúas cousas, temos un plan para a noite do sábado: unha cea para 40 persoas no Restaurante Areagrande de San Román. O menú, de 20€, estará composto por: ensalada temperada de polbo, cogomelos, xamón e queixo; lagarto ibérico (carne de porco) con crema de castañas e gírgola; e, para acabar, pudín de cantatharellus.
Para ambas actividades é preciso anotarse antes do venres 20: farase por orde pero terán preferencia as/os socias/os.
O domingo o Restaurante Aregrande de San Román adicará os pinchos do mediodía, dende as 12:30h. ata as 15:00h., aos cogomelos. Podedes elexir un entre as empanadillas de shitake, a quiche do monte, a orellada á prancha ou os pementos do piquillo recheos de champiñóns ou… Probalos todos! Terán un prezo de 1€/unidade.
Asi que… Xa sabedes! O fin de semana do 21 e 22 de outubro tedes unha cita cos cogomelos. Só tedes que elixir o plan que mellor vos cadre.
Nós non o dubidamos… Iremos a todo!

Advertisements

Sinopse da xornada de Nordés cos coles

O pasado 9 de xuño, festexamos o Día Mundial do Medio Ambiente cos colexios de Mañón e O Vicedo no Refuxio de Ponte Segade. Comezamos a xornada cunha pequena explicación para as nenas, nenos, profesoras e  profesores sobre Nordés e a división en estacións das actividades que realizarían ao longo da mañá.

DSCN3865

Na primeira estación realizouse parte do traballo de inspección do Proxecto Ríos. Ramsés, persoal de ADEGA, adaptouse á idade dos grupos para explicarlles en que consiste este programa de avaliación dos ríos galegos e o xeito para realizalo.

IMG-20170609-WA0057

Por un lado, fíxose o análise do río a través das súas augas, guiados polos códigos de cores que marca o seu estado; e por outro lado, o análise dos bioindicadores que se atopaban no cauce do río, guiados polas láminas que amosaban os diferentes macroinvertebrados que se poden presentar nas augas según o seu estado.

IMG-20170609-WA0065

Os resultados destas análises amosaron que o río Sor está en moi boas condicións.

DSCN3862

Na segunda estación realizouse a avaliación da calidade do monte de ribeira do río, necesario para o informe do Proxecto Ríos. E… Por que? Un río saudábel debe contar cunha masa uniforme de especies de prantas e árbores autóctonos que manteñan as axeitadas condicións para as especies propias do entorno.

DSCN3925

Ao tempo os escolares percorreron xunto Antonio Martínez, de Nordés, un pequeno tramo de ribeira. Foron identificando as diversas especies arbóreas da beira do río (ameneiros, aveleiras, carballos, freixos ou pradairos), especies de prantas (pé de boi, estalotes) e varias especies de felgos (felgo real -que tanto abonda polo So-, fentas).

DSCN3905

Pero non todo foron boas noticias! Os colexiais coñeceron a problemática das especies invasoras. No río Sor o exemplo que mellor a representa é unha das especies más abafantes para a flora autóctona: a acacia negra, que cobre grandes treitos do tramo medio e baixo do río.

DSCN3926

Para rematar, fixeron un pequeno herbario coas especies que foron atopando polo camiño. Un traballo que completarían nas aulas nos seguintes días e que lles servirá para recordar as especies vistas.

DSCN3901

Na terceira estación, Dani e Carle guiaron na elaboración de casas para distintas especies.

IMG-20170613-WA0130

Ao comezo, amosaron  as casiñas para ourizos. Logo, cada grupo axudou a facer unha casa para morcegos, que personalizaron coas súas firmas e debuxos. Máis tarde, puideron ver a colocación nas árbores do entorno para ser habitadas nun futuro.

IMG-20170613-WA0084Na mesma estación, as nenas e nenos colaboraron na elaboración dun hotel para insectos colocando carozas, pallas, cortezas e canas na estructura que os monitores construíron e así conseguir que se aloxen nun futuro distintas especies.

 

 

IMG-20170613-WA0020

O grupo formado cos párvulos  dos colexios fixo un percorrido polas 3 estacións (adaptadas) e acabou pintando os debuxos que formaban unha canción que todos coñecían: “Polo nó abaixo vai unha troita de pé. Corre que te corre, quen a puidera coller…”

IMG-20170609-WA0008

As nenas e nenos dos dous colexios pasaron unha xornada diferente, divertida e moi participativa: non quedou dúbida sen resolver! E con ela, Nordés non pretendía máis que achegar o cuidado do río e do seu entorno a través da aprendizaxe.

DSCN3953

Queremos agradecer a colaboración do CEIP López Estrada e do CEIP O Vicedo, tantos ás nenas e nenos como ás súas profesoras e profesores. Tamén agradecemos a colaboración de ADEGA a través de Ramsés, por achegar o Proxecto Ríos a tódalas idades; e de Dani e Carla, por ensinar a coidar dos morcegos e dos insectos. Agradecemos a colaboración do Concello de Mañón e de Protección Civil. E… Non nos esquecemos de agradecerlle a coordinación desta actividade a Antonio Martínez Pernas! E por último, grazas aos voluntarios de Nordés por acompañar aos grupos de nenas e nenos nas diferentes estacións e realizar este vídeo.

Entre todos fixemos posíbel unha xornada que agardamos repetir moitos anos máis! Ata o ano!

 

 

 

 

 

Proxecto Ríos cos colexios no río Sor

proxecto ríos 2017 2

Onte, 5 de maio, foi o Día Mundial do Medio Ambiente e Nordés para conmemorar este día decidiu realizar os análises de primavera do Proxecto Ríos acompañado polos colexios do Barqueiro e do Vicedo. Esta xornada súmase ás anteriores actividades de convivencia realizadas no 2016 e 2015 para festexar o Día dos Océanos, na praia de Esteiro (Mañón) e en Xilloi ( O Vicedo).

A xornada foi deseñada pola xente de Nordés (entre eles Antonio Martínez Pernas, Técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais)  e pensada para realizar no Refuxio de Ponte Segade (Mañón). Alí, dividiranse ás nenas e nenos en 3 actividades simultáneas polas que irán pasando de cada pouco. Na primeira e segunda estación atoparán actividades relacionadas co Proxecto Ríos:

  • Análise do río a través das augas e  catalogación dos macroinvertebrados (bioindicadores) presentes nelas, guiados en todo momento por persoal de ADEGA, e

  • Paseo pola beira do río Sor, para visualizar a rica fauna e flora da zona, avaliar o monte da ribeira para o informe do Proxecto Ríos e recoller flora para a realización dun pequeno herbario.

  • Na terceira estación realizarán refuxios para morcegos e hoteis de insectos, acompañados por expertos, para fomentar a biodiversidade do entorno do río.

     

    SUBIR 3

    Ambos colexios durante o “Día dos Océanos” (2016) no areal de Esteiro (Mañón)

Fai unha semana ADEGA ofrecéunos traer para a Casa da Cultura do Vicedo a exposición “Unha invasión silenciosa”  adicada ao problemas das especies invasoras en Galicia. Se aínda non pasáchedes por alí, aínda tedes ata o venres 9 de xuño para visitala, en horario de mañá e tarde. Non dubidedes!

18815453_809087095916791_198976307489547765_o

Exposición na sala da Casa da Cultura do Vicedo – piso 0.

Se eres socia/socio de Nordés e queres participar como voluntaria/o, ponte en contacto con nós!

 

 

Xornadas forestais

XORNADAS FORESTAIS DEFINITIVIO 10.3

A data aproximada de chegada do eucalipto a Galicia é o 1850, cando se pensa que xa existía unha plantación na parroquia de Santa Marta de Ortigueira. A orixe das sementes é descoñecida pero desbota, por tanto, a teoría que  respaldaba que as primeiras foran enviadas dende Australia polo Frai Rosendo Salvado. A realidade é que o frai benedictino enviou sementes do xénero Eucalyptus pero dunha especie diferente á que xa se atopaba no territorio(1).

A chegada destas especies foi documentada tamén noutros lugares de Galicia  como  Pontevedra no 1865 e Ribeiras do Sor no ano 1867, introducido polos Maciñeira. Cara o 1880 plántase en Viveiro “o avó” na zona de Chavín, coñecido hoxe en día como o eucalipto máis alto de toda Europa. Neste lugar en concreto é posíbel que a plantación fora dedicada a drenar a zona que se atopaba entre o río e unha fábrica textil (2).

Vemos, entón, un manexo utilitario da introducción deste xénero en impedir futuras inundacións do terreo. Seica tamén puido ter o mero valor ornamental dunha árbore exótica. Unha realidade que une o devir do eucalipto cos pazos galegos, é dicir, coas familias máis ricas. O certo é que dende aquel momento ata a actualidade a súa historia vai decorrer cara o aproveitamento dunha árbore con propiedades curativas, a súa madeira para diferentes usos e a producción de celulosa, impulsada polas políticas franquistas de reforestación con coníferas.

A instalación de celulosas en Pontevedra e Navia nos anos 60 fixo que se producise un “boom” na plantación de eucalipto, que mesmo chegou a subvencionarse nos anos 90 (3). A rentabilidade económica foi o factor decisivo á hora de plantalos en leiras e prados que deixaron de usarse como tal por diversos motivos: migración da poboación cara a núcleos urbanos, baixa rentabilidade do mundo agrícola e gandeiro, a xubilación de productores, etc.

A plantación do xénero Eucalyptus en Galicia e España ten os seus defensores e os seus detractores. A polémica chega ata os nosos días e para demostralo non hai máis que leer os xornais (4) e ver iniciativas como “Stop eucalipto, avante carballo!” (5).

Xa Castelao no 1927 dicía que a paisaxe de Galicia estaba desnaturalizada, unha afirmación que hoxe en día semella máis que evidente na nosa zona. Por iso queremos convidar á xente de Ferrol, Eume, Ortegal e A Mariña ás “Xornadas forestais” de Nordés.

O sábado 18 de marzo, a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura do Vicedo contaremos cos seguintes expertos e profesionais para  que nos falen dos usos do monte e do seu aproveitamento máis aló do eucalipto:

Xosé Albeiros, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), presentará o proxecto “Cousa de Raíces“. Unha campaña que naceu no 2014 dende ADEGA e que conta coa participación de máis de 50 entidades pola defensa do bosque autóctono galego a través do seu coñecemento e posta en valor. Desta maneira a charla falará doutros aproveitamentos e das alternativas ao eucalipto, valorando tamén a lexislación vixente.

Logo dunha pausa, contaremos coa experiencia de Fran Domínguez, resineiro de Loiba, que se gaña a vida cun uso alternativo dos nosos bosques.

E para rematar, Sergio París, Enxeñeiro Técnico Forestal, falaranos dos usos do monte galego e dos servizos que pode prestar á cidadanía galega. Tamén do impacto do monocultivo de eucalipto no noso país.

Achegádevos ao mundo da silvicultura con Nordés!

______________________________

Bibliografía:
(1)Quian, A. “Así chegou o eucalipto a Galicia, arredor de 1850” En Galicia Confidencial, 5 de xaneiro de 2017:  http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/45106-chegou-eucalipto-galicia-arredor-1850
(2)(3)”El eucalipto y su conquista del Noroeste (1)” En  Galicia Agraria, 8 de outubro de 2011: http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2011/10/el-eucalipto-y-su-conquista-del.html
(4)Beramendi,M. “Medio Rural prohibirá plantar eucaliptos en zonas de Galicia” En La Voz de Galicia, 14 de xaneiro de 2017: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2017/01/14/medio-rural-prohibira-plantar-eucaliptos-zonas-galicia/0003_201701G14P35991.htm
(5) “Hai un fervedoiro de xente á espera de organizarse para dar unha resposta á eucaliptización” En Praza Pública, 15 de marzo de 2017: http://praza.gal/movementos-sociais/13840/hai-un-fervedoiro-de-xente-a-espera-de-organizarse-para-dar-unha-resposta-a-eucaliptizacion/
“Manifesto STOP EUCALIPTO… AVANTE CARBALLO!” En Grupo Naturalista Hábitat, decembro 2015: http://gnhabitat.blogspot.com.es/2016/02/manifesto-stop-eucalipto-avante-carballo.html

 

 

 

III Xornadas micolóxicas

cartel-micoloxia-iii-2016-definitivo

O micólogo José Luis Cuba plantou fai tres anos algo así coma unha árbore micorrizada no seo de Nordés, facendo que as esporas dos fungos que naceron neste tempo se espallaran, e medraran novos, atraendo a curiosidade de socias, socios e afeccionada/os ao mundo da micoloxía coas xornadas de iniciación do 2014 e do 2015. Agora, xa que pretendemos asentar os coñecementos aprendidos, gozaremos da recolleita na mañá do sábado 26 de novembro cun grupo de 25 persoas polos hábitats que elixa o noso micólogo. Comezaremos cedo, polo que o Restaurante “A Goleta”, no Barqueiro, será o noso punto de reunión ás 8 da mañá. E… Recordade! Levade roupa axeitada, unha navalla e un cesto (ou os que queirades).

E se pola mañá recollimos os productos, ás 19.30h. o Nordés achégaos á cociña do Restaurante “Orillamar”, en Espasante, para que sexan os ingredientes principais na demostración gastronómica para un grupo de 25 persoas.

[Para asistir a ambas actividades ou a unha soa é preciso chamar ao 653756454 (Ricardo). O custe da saída ao monte é de 5€ e gratuíto para socias e socios. Tamén é de balde, para 25 persoas, a demostración gastronómica no Orillamar.]

Cal é a mellor maneira de acabar unha xornada micolóxica? Comendo! Ás 22:00h., o Restaurante “Orillamar” terá preparado para 75 persoas un menú que estará composto de: crema de tres cogomelos, revolto de níscalos, salteado de boletus con xamón, xarrete en salsa de cogomelos e crema de iogur con castañas, algas e boletus. O seu custe é de 20€ por persoa e tamén é preciso anotarse no número de teléfono 653756454 (Ricardo).

Por se a saída, a demostración e a cea non vos convencen pero queredes degustar algunha elaboración con cogomelos, o Restaurante “Orillamar” terá, dende as 20:30h. ata as 22:00h., as seguintes tapas á vosa disposición (a 1,5€/unidade): tosta de cogomelos con xamón, queixo de Arzúa e cebola caramelizada, pementos recheos e chícharos con xamón e chantarela.

Chamade, collede o chaquetón e animádevos a pasar unha xornada de outono máis con Nordés! E este día cheira a humidade, terra e cogomelos cociñados!

Sinopse do Día dos Océanos 2016

Fai unhas semanas celebramos o Día dos Océanos cunha xornada cos colexios de Mañón e O Vicedo na praia de Esteiro (Concello de Mañón). Hoxe, traemos un relato fotográfico do acontecido.

A xornada comezou de forma diferente para uns e outros: mentres o colexio do Vicedo xogaba na praia, o de Mañón gozaba do camiño baixando cara ela.

SUBIR 2

SUBIR 3

As nenas e nenos de ambos colexios escoitaron a primeira charla de Antonio Martínez sobre os porques da acumulación de plásticos no medio mariño, os problemas que presenta e os xeitos máis simples para detelo.

SUBIR 5

A charla serviu como introducción para a limpeza do areal, que se realizou en grupos de idade acompañados polos profesores e os voluntarios de Nordés.

IMG_0900 (2)

IMG_0899 (2)

IMG_0897 (2)

Uns 45 min despois, estos foron os resultados:

DSC_0259 (2) IMG_0907 (2)

30 bolsas cheas de refugallos abriron a segunda charla de Antonio Martínez, centrada no problema dos microplásticos.

IMG_0910 (2)

IMG_0903 (2)

Ao arredor destas partículas diminutas realizamos varias actividades, co fin de que os colexios puidesen visualizar e palpar o problema directamente.

IMG_0921 (2)

As nenas e nenos, divididos en grupos de idades, recolleron area, por un lado, para cribala e conseguir atopar microplásticos.

IMG_0923 (2)

DSC_0258 (2)

IMG_0913 (2)

IMG_0912 (2)

E, por outro lado, comprobaron como os microplásticos recollidos flotaban na auga e entenderon o motivo polo cal son confundidos con alimento no medio mariño.

DSC_0256 (2)

IMG_0915 (2)

Ao mesmo tempo, os nenos de pre-escolar e as súas mestras realizaron un símbolo con tapas e tapóns de plástico. Recoñecedes cal é?

DSC_0252 (2)

IMG_0937 (2)

Exacto! O símbolo da redución de plásticos, o primeiro dos tres erres da ecoloxía que busca o desenrolo de hábitos de consumo responsable. Na seguinte fotografía, podedes ver os tres erres cos símbolos correspondentes para reducir, reutilizar e reciclar.

DSC_0269 (2)

DSC_0268 (2)

Un par de horas despois da chegada, as nenas e nenos recolleron os seus agasallos e…

SUBIR 7

Chegou a hora do xantar!

20160610_135152.jpg

Para Nordés foi unha gran mañá! E agardamos que tamén o fose para os colexios.

SUBIR 4

Xornadas coma esta non serían iguais sen eles, os voluntarios!

DSC_0281 (2)

Tamén queremos agradecer a colaboración do Concello de Mañón, de Cuarzos Industriales e dos colexios.

DSC_0233 (2)

Día dos Océanos 2016

Os escolares de Mañón chegaron andando á praia de Esteiro mentres os do Vicedo xogaban e gozaban do bo tempo.

Tras a charla de Antonio Martínez Pernas sobre o problema dos plásticos no medio mariño fíxose unha recollida do lixo do areal.

IMG-20160610-WA0005[1]

Neste 2016, a xornada adicouse especialmente aos microplásticos polo que as actividades foron dirixidas cara a súa visualización tanto na area coma na auga co fin de mostrar a magnitude do problema.

DSC_0245

As nenas e os nenos máis maiores separaron as partículas plásticas da area cunhas peneiras e puideron ver como moitas delas flotaban na auga semellando alimento. Os máis pequenos, ao mesmo tempo, fixeron un debuxo na area con material para reciclar.

Agasallos, o xantar e tempo libre na área recreativa da praia de Esteiro completaron a xornada. Pero para ver imaxes diso teredes que esperar. Máis adiante subiremos outras fotografías para que vexades o ambiente desta xornada.

Dende Nordés, queremos agradecer a colaboración de ambos colexios, do Concello de Mañón, de Protección Civil, de Cuarzos Industrais e dos voluntarios.

Avespa asiática. Cousas que debemos saber da nova habitante da Serra da Faladora

CARTEL MANDAR EME

Dende fai un par de anos, o protagonismo da avespa asiática nas noticias é constante. A súa chegada ao continente europeo e a súa posterior expansión pola Península Ibérica fíxoas visíbeis nas terras da Faladora a través dos seus numerosos niños, perigosos para a seguridade cidadá.

Hoxe en día, esta especie exótica invasora eríxese como un grave problema medioambiental que atallar. Non só está en perigo a biodiversidade dos ecosistemas, senón tamén a función polinizadora do seu principal alimento, as abellas, e aqueles sectores productivos unidos a elas: a producción apícola e agraria.


Con afán divulgador, Nordés organiza o 22 de abril (venres) da man de Manuel Rodríguez, delegado no Ortegal da Asociación Galega de Apicultura (AGA), unhas xornadas de concienciación e aprendizaxe. Dende as 19:·30 h. realizarase un percorrido dende as orixes e características desta especie e subespecie (“vespa velutina nigrithorax), pasando polas súas causas e consecuencias para aprender a tomar finalmente as medidas necesarias ante a súa presenza: informar a organismos especializados ante un niño, colocar trampas fabricadas de xeito artesanal ou industrias, métodos de protección, … De aí que contemos coa presenza na charla de apicultores da zona e concretamente de José María Vázquez, da empresa Servicios Privados Antivelutina (SERPA), para presentar o seu “dispositivo protector de colmeas”.

 

Abellas

José María Vázquez co dispositivo protector de colmeas . Fotografía de El Progreso http://elprogreso.galiciae.com/noticia/48577/una-trampa-para-la-velutina

 

Recordade, o venres 22 de abril ás 19:30 h. agardámosvos no Abeiro de Mañón, antiga sede da escola da Unión Mañoñesa, hoxe en día albergue e Centro de Interpretación do río Sor. Deixámosvos o seu facebook picando aquí.

Agardámosvos!

_____

Para máis información:

Asociación Galega de Apicultura (AGA) http://www.apiculturagalega.org/

 

IV Inspección do río Sor e ruta de sendeirismo

PROXECTO RÍOS IV

Proxecto Ríos é unha iniciativa de ADEGA que promove a “participación voluntaria no control da calidade dos ríos galegos a través de inspeccións anuais”.

Esta é a definición do Proxecto Ríos, unha iniciativa que foi trasladada dende Cataluña pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza no 2004. No 2015, 322 agrupacións participaron no proxecto, sendo maiores os niveis de participación e inspeccións na provincia de Pontevedra (correspondente coa bacía das Rías Baixas).

Nordés comprometeuse dende o seu nacemento co Proxecto Ríos e co río Sor, por tanto; aínda que non puido realizar tódalas análises pertinentes cada ano (unha en primaveira e outra en outono). Por iso, neste mes de marzo de 2016 da a oportunidade non só de formar parte deste proxecto (que mesmo ten unha importancia peninsular) coa IV inspección do río Sor senón tamén de disfrutar da paisaxe da veiga do río Sor.

Que análises se realizan? O fin é o de mostrar a calidade hidromorfolóxica, fisicoquímica e biolóxica do río Sor en diferentes tramos. Cada parámetro analiza un aspecto concreto do río ou da súa contorna: o hábitat, o bosque, a ribeira e determinadas alteracións coma a cor da auga ou o seu cheiro marcan a calidade hidromorfolóxica; por outro lado, a calidade fisicoquímica establécese mediante a medición da temperatura do río, o pH,  os nitratos e o osíxeno disolto;e, por último, a presenza ou non dunha serie de macroinvertebrados, reptiles, árbores e vexetación, marcan a calidade biolóxica.

A inspeccion é unha actividade interactiva que une aos participantes co río, co seu coidado e co hábitat que o rodea, podendo ser plantexado coma un xogo para os máis pequenos da casa. Estará guiada por Antonio Martínez, técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais.

10259021_311278789030960_3346267945356486862_o

A ruta de sendeirismo plantéxase dende parte da asociación como unha actividade complementaria que consiga atraer xente ás inspeccións e que as convirta en fieis participantes para asentar o Proxecto Ríos máis alá de Nordés. De tódolos xeitos, que mellor para protexer o río e a súa contorna que cunha ruta de sendeirismo? Ademáis guiada por xente especializada, Jaime Casás, de Actividades Estaca.

Por todo isto, a proposta para o sábado 19 de marzo é a seguinte:

1269445_575962622562574_7932733587612880865_o

  • Punto de quedada para aquela xente que non saiba chegar á Ponte das Ribeiras do Sor, no bar A Goleta, no Barqueiro (Mañón), ás 09:00 horas.

  • 09:30 horas, inicio da ruta (dificultade media) na Ponte das Ribeiras e remate 8 quilómetros despois no refuxio Ponte de Ulló, cara as 12:30 horas.

  • Primeira parte da inspección no tramo do refuxio de Ponte Ulló, remate cara as 14:30 da tarde.

  • De xeito opcional, ofrécese a posibilidade de quedar a xantar no refuxio de Ponte Segade, cada un coa súa comida, para asistir á segunda parte da inspección do río Sor neste punto.

NOTA: Deixaranse os automóviles na Ponte das Ribeiras e logo dende o refuxio de Ponte Ulló haberá algún para aquela xente que se queira volver.

AGARDÁMOSVOS!

Toda a información  deste pequeno artigo está sacada da páxina http://www.proxectorios.org/ e do “Resumo do informe do 2015” de ADEGA, dispoñíbel nesta ligazón:   aquí.

Sinopse de Labreg@s do século XXI

12622543_557077594451077_5390653856486918372_o

Os participantes do faladoiro e os asistentes na sala do Concello de Mañón

O venres, 29 de xaneiro, na sala do Concello de Mañón, Henrique Puentes, Quique Fojón e Remedios Soto, moi amable e pacientemente, faláronnos da praga, de recente aparición en Galicia, que ataca aos cultivos de patacas.

Coa sala case que ateigada de xente de tódalas idades, houbo unha clara manifestación de distintas visóns ou interpretacións do mundo. Por un lado, unha máis influída pola ciencia actual por parte dos que daban a charla e, por outro lado, unha cunha visión ancestral (un home de entre o público era quen de saber o tempo da sementeira dependendo do canto dos distintos paxaros). Os asistentes as charlas amosáronse moi interesados e participativos.

Informouse durante o faladoiro das medidas tomadas pola Xunta de Galicia para o control da praga, que mesmo inclúe sancións económicas para calquera persoa que as infrinxa. Deixamos o enlace á Resolución do 16 de outubro de 2015 presente no DOG á 3 de novembro de 2015:

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151103/AnuncioG0426-231015-0002_gl.html

12593482_10208747858361834_7353782117570216111_o

Os participantes do faladoiro e os asistentes na sala do Concello de Mañón

 

Ao día seguinte pola mañá visitamos a explotación agrícola que Quique Fojón ten no lugar do Souto, na parroquia de San Cristovo de Couzadoiro. Alí poidemos comprobar o traballo que, dende hai máis dun ano, leva facendo: instalación de invernadoiros (un deles enorme e outro máis pequecho), a leira para outros cultivos, as froiteiras que levan alí moitos anos e, de se estragar, perderíase esta variedade, o sistema de rego empregado… É de agradecer a minuciosidade e o entusiasmo das súas explicacións.

12615379_557080934450743_2768991559315775744_o

Quique Fojón amosando a parte dos asistentes os seus labradíos, cos invernadoiros ao fondo

12604842_557082167783953_9009828966996013998_o

Caixas cas sementes dos productos

Máis medrou a súa ledicia ao nos descubrir un…. O seu tesouro. Unhas caixas nas que tiña moi ben clasificadas as sementes: leitugas, tomates, pementos, cenoiras, herba dos coengos, feijões,…

Despois de pasar con el dúas horas largas despedímonos con gañas de voltar no tempo no que estas sementes sexan plantas logradas.

Máis fotografías no noso Facebook.